La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Un galego na República Checa

Escrito por Carlos Agulló
21 de marzo de 2008 a las 15:32h

[Outro correo recibido no buzón de Global Galicia] 

Ivám Cozinha, desde a República Checa, escribió:

“Xa van alá catro invernos, mas parece que foi onte cando me pegou nos fuciños o frío seco da Centroeuropa. Co tempo acabei descobrindo que aínda cando o termómetro marca negativo, a friaxe é máis levadeira que a nosa, o que para un checo resulta difícil de concebir, cando toda imaxe que ten sobre a península é a da Costa Brava ou das Canarias. Un veciño dos Sudetes non pode imaxinar que a súa terra garda certas semellanzas coa cornixa cantábrica –salvando as distancias co mar, as estatísticas sobre xeadas… E cando digo Sudetes arrisco ante eles o pelello, porque é unha concepción facilmente transgredible despois do que aconteceu aquí ao redor da II Guerra. Non se pode negar a cultura xermánica: non hai máis que mirar os apelidos, a cociña, a arquitectura popular e o folk –elementos que, nas miñas viaxes pola Europa, vin repetidos ata a Alsacia.

Vivo en Liberec, unha cidade dunhas 120.000 persoas perto da fronteira coa Polonia e a Alemaña –a unha hora da Praga cosmopolita e a hora e media de Dresde. Ata o Celtiña nos seus mellores tempos chegou aquí. Para perder. E aínda que hai dous anos gañamos a liga, este ano no que nos defendemos é no hoquei sobre xelo.

A dicir verdade, aquí non chegaron mais galegos. Cando quero falar con un pouco máis de tempo vou ver á miña amiga Lenka, que anda a facer unha tese sobre o noso paradigma sociolingüístico, con Enrique, de Guadalajara (México), profesor na universidade, con Pilar e a súa familia, de Valladolid, ou cos vascos que chegan alguns meses de prácticas a unha factoría. Xa somos todos. Non dubido que en Praga haxa moita máis xente, pero a capital ten outro nivel. Praga é Praga, e isto é a República Checa. Tampouco temos tanta necesidade da capital, salvo no que se refere á vida cultural. En Liberec, onde dou aulas de español no ensino medio, pódese atopar case de todo, incluso feismo, boom urbanístico e comercial, como lle corresponde a unha vila industrial vinculada ao sector da automoción. Despois da reconversión do socialismo e o fenómeno da deslocalización industrial, aquí asentouse unha potente industria que traballa para a Skoda e, en xeral, para a Alemaña, realmente o motor económico do país. O cristal de Bohemia e a bisutería, que tamén sae desta zona, xa pasou por tempos mellores. Neste país, de dimensións como Portugal, todo queda máis ou menos perto. As comunicacións tamén nos fan entender por que todo vai tan febrilmente lanzado. Por que a xente practica a vida rápida –”¿España? ¡Mañana, mañana!”, como me din. Visto o panorama, é fácil comprender por que se respira optimismo, pero tamén estrés.

Así que, envío un SMS, concerto unha cita e procuro chegar á hora acordada, senón fáltolles ao respeito, sentamos todo o tempo no mesmo bar e chuzámoslle unhas “pivo”, que baixan como Dios. E entre cervexa e cervexa sacamos a retranca gris, á que só se pode acceder despois de graduar neste curso bareiro de checo oral, lingua complicada como o Dios que a fundou. Despois de catro anos aquí un pode asegurar que a lingua é o único pasaporte realmente válido para poder acceder aos checos, rirte e discutir con eles, entón é cando podes dicir que estás como na casa, cando tenden a mao e abren o corazón, pois senón, de boas a primeiras, os checos cumpren tamén co noso paradigma galego: serios e desconfiados. Pero canto máis un a coñece, mellor descobre que o checo é unha lingua riquísima, con tal aplicabilidade de sufixos afectivos que o noso “-iño” quedaríase moi curto, cun vocabulario dual onde moita palabra formal ten o seu equivalente oral, que é o que se emprega na práctica, ou toda unha restra de palabras que se usan só para os nenos e nunca se escoitarán nun contexto referido aos adultos. Que o autobús vai a todo gas dise exactamente igual, “na plny plyn”, e pescozo dise “krk”. E a que non sabedes que o galego non é o único himno do mundo que comeza por pergunta: “Kde je domov muj?”, onde está o meu fogar? Boa pergunta. Grande pergunta.”.

Etiquetas: , , , , , ,

Una respuesta a “Un galego na República Checa”

  1. Susana Bargiela | Desde Eslovenia dice:

    Ola Iván, grazas polo teu comentario e disculpa o meu galego, hai anos que non o falo.
    É certo que hai moitas semellanzas na linguaxe entre esloveno e checo: cervexa=pivo, gas:plin… e a frase “kje je moj dom?” seguro que a entendes.
    Eu levo dous anos e medio por aquí e costoume moitísimo atopar xente afable, os eslovenos son desconfiados tamén, e respetan as “distancias de seguridade” en todo momento. A verdade é que para un galego esta parte de Europa pode ser un grande choque cultural, pero a todo nos afacemos.
    Moito ánimo e a seguir contándonos como te vai por eses lares!

    [Reply]

Deja tu comentario