AÍNDA LONXE
O restaurante do sábado en San Petersburgo non se chamaba Pushkin, o nome é Café Literario. Din que foi o lugar no que se citou o poeta co seu rival, a noite antes do duelo que supuxo a súa morte. O local é agradable, as mesas, á beira das fiestras, miran unha das canles da cidade, pero é lugar triste, sobre todo polo persoal que o atende. Non lles debe ir ben e non ocultan o desacougo.
O domingo quixemos ir ao Ermitage, pero a cola para ver a colección do Prado que se exhibe, como parte do ano dual Rusia-España, era quilométrica. Acordamos, entón, ir ao Museo Ruso e ver unha exposición temporal “Malvados e heroes” que explica a historia de Rusia dende a creación artística. Resultou moi interesante. Logo démoslle un percorrido a todo o museo, que exhibe pezas interesantes da arte rusa das vangardas.
Ao mediodía quedamos con Elena Zernova, quen dirixe o Centro de Estudios Galegos e é a tradutora de boa parte da obra galega que se pode ler en ruso. Ela levounos ao restaurante The Idiot que, como indica o nome, ten reminiscencias de Dostoievski. Cóntanos ela que xa era restaurante nos días do escritor, que acudía a el cun anaco de pan na man, que comía cheirando os pratos dos demais comensais, para que ter a sensación de que comía algo máis. Durante a época socialista o local foi zapatería, de venda e reparación de calzado e nos anos noventa foi recuperado, procurando darlle o aire que tiña cando o frecuentaba o escritor.
Falamos moito con ela, nunha sobremesa longa e aproveito para lle facer unha entrevista, que espero publicar axiña. Xantamos os populares Palmeni, algo semellante aos tortellini, tamén os blini, que son filloas recheas e que están ben boas. Brindamos con vodka, que bebemos dun grolo, aínda que non escachamos o vaso.
Logo agasállanos cun percorrido pola cidade que complementa o que xa nos amosara Pavel o día anterior. Elena cóntanos que tivo dous alumnos que eran fillos de divisionarios que tiveron amores con mulleres rusas. Un deles non lle perdoaba ao pai que o deixase alí, sen recoñecemento e sen referencia paterna. O outro non expresaba sentimento ningún. Dinos que, o primeiro, anotouse aos seus cursos para mellor coñecer a cultura española da que el tamén formaba parte.
Cara o final da tarde vennos buscar Daniel, o fillo de Pavel, que fala moi ben o castelán e que tamén é alumno de Elena. Con el imos ata a localidade de Pushkin, xa que eu debo cumprir unha promesa. Juan Martínez Casanueva, pai do meu compañeiro de traballo, foi divisionario, co grao de alférez, aínda que volveu co de tenente e coa cruz de ferro de segunda clase no peito. Cando os bombardeos rusos, que sucedían todos os días, el ía ata un bosque de bidueiros e recitaba versos de Rubén Darío para escorrentar o medo. Eu prometinlle a Juan recitar un dos poemas na localidade de Pushkin e alá fomos. Baixo os bidueiros e sobre a neve escoitáronse de novo os versos do poema Metempsicose: “Eu tamén fun un soldado que durmiu no leito de Cleopatra a reina”.
Hoxe erguémonos moi cedo. Pavel debía tomar un avión para España en Tallin ás 11,00 da mañá, e acordamos levalo nós. Así que ás 5 xa estabamos dispostos. Logo de deixalo demos un paseo pola cidade e alí fixemos o lunch, pero non na praza, nin no restaurante que me indicara Lino, no que serven oso. Para oso non estabamos. Logo tivemos un apuro, xa que non atopabamos a Panchita, que quedara nunha zona de aparcamento de pago fóra das murallas. Finalmente, logo de varias voltas, demos con ela.
Antes de Tallin cruzamos un territorio próximo ao mar, de moitas lagoas. Eran milleiros os gansos e barnaclas que cruzaban o ceo ou que comían nos campos. O máis fermoso foi ver unha formación perfecta de gansos e cisnes mesturados, voando a moi pouca altura.
Acordamos pasar a noite en Baskua, un lugar moi próximo á fronteira entre Letonia e Lituania. Atrás quedaron Rusia e Estonia.
Comentamos que o mellor desta viaxe que naceu coa idea de procurar información sobre a guerra, é a sensación de compartir, de amizade, de afecto. Só temos palabras de agradecemento para María e Berna en Berlín, para Signe e Delmi en Riga e, en San Petersburgo, para Elena e a familia de Pavel: Natacha, a súa dona, Daniel o seu fillo maior e Ana, súa moza, e os dous cativos Sonia e Iván.
A ver como imos facendo para facer chegar estas crónicas do regreso, que volven os problemas de internet.
No related posts.
Sin categoría










9 respuestas a “AÍNDA LONXE”
abril 12th, 2011 a las 10:40
Un pracer verte coa mirada de Maribel, Chisco.
Unha aperta
[Reply]
abril 12th, 2011 a las 18:26
Grazas polo que me toca Carlos, o que non entendo é como sae separada do artigo, vou ver se consigo agora que temos conexión arreglalo.
[Reply]
abril 12th, 2011 a las 21:06
Non o sei. Sorprendeume, pero gustoume a cousa. Coma o Canta de Mio Cid, que lle falta o comezo e queda un principio marabilloso.
Agora xa lin o comentario e vin a foto en Pushkin, todo chega.
Unha aperta para os dous, e unha palmadiña no capó á Panchita
[Reply]
abril 12th, 2011 a las 17:53
Queridos:
Canta emoción ao ir descubrindo estas terras lonxanas cos vosos ollos e palabras e tamén coa voz da historia que ecoa en cada crónica.
Hoxe atopo isto na rede:
http://www.anosaterra.org/nova/os-versos-teluricos-de-fernandez-naval.html,
un recordo do que aquí vos agarda.
Bicos
[Reply]
abril 12th, 2011 a las 18:24
Grazas Teresa, pola túa atención e devoción, xa estamos en Polonia de novo, imos baixando, mañá pretendemos achegarnos a un lugar onde un millón de seres humans deixaron a súa vida, non sei coma vou a responder ante ese espazo, pero estando tan perto non podemos pechar os ollos e non pasar por ahí.bicos de m e ch
[Reply]
abril 12th, 2011 a las 20:10
Sei por experiencia que visitar esa sorte de lugares xea o alento e déixao a un cunha sensación moi estraña, unha sorte de tristura infinda perante a constatación dos extremos de horror aos que pode chegar o ser humano. Mais coincido en que é unha experiencia arrequecedora. Xa nos contaredes! Hoxe telefonoume Pavel, por certo, mais eu non ía na casa. Tentarei chamalo nos próximos días. Mañá vou a Occitania, a Albi, pero voltarei o venres. Tentarei seguir a vosa viaxe polo blog. Saúde!
[Reply]
abril 13th, 2011 a las 7:24
Hacer sonar los versos de Rubén Darío en la nieve de Rusia, entre abedules, en memoria de un soldado que se confortaba con la poesía en el frente de Leningrado, hace tiempo… Un sueño que habéís hecho posible.
Muy emocionante imaginar la lectura de Chisco en el espacio mágico y silencioso de un bosque, rodeado de abedules que parecen escucharle. Y muy bella la foto de Maribel que documenta ese instante.
Mi gratitud a ambos.
Un fuerte abrazo y buen viaje.
[Reply]
abril 13th, 2011 a las 21:37
Qué guay todo lo que contáis!!! Este viaje es una verdadera maravilla para vosotros y para los que, como yo, os leemos. Y ahora una pregunta “prosaica”: … qué tal el frío y la nieve en esos lugares??
Bicos e apertas,
Graciela
[Reply]
abril 14th, 2011 a las 5:47
Frío si, pero moita calor humana, que compensa. Bicos. Chisco
[Reply]
Deja tu comentario