Estas cosas tienen que moverse. Pásalo
Carta aberta de protesta polos recortes no eido da BD galega
Os abaixo asinantes, autores, libreiros, editores, asociacións de creadores e lectores de BD galega, queremos manifestar o noso profundo malestar ante os sucesivos pasos atrás dados polas institucións en apoio do noso sector.
Non vivimos alleos a crise económica na que estamos inmersos, e somos conscientes de que todos os ámbitos están a sufrir recortes nos seus orzamentos, recortes que teñen efectos dramáticos na educación, sanidade, etc. e consecuencias negativas no desenvolvemento, pero opoñémonos frontalmente a que, neste contexto, o soporte da cultura sexa visto polos nosos poderes públicos como algo directamente prescindible.
Por iso amosamos a nosa repulsa polos seguintes incumprimentos da Xunta de Galicia:
_O incumprimento do anuncio mediático dun orzamento de 600.000 € como inversión en BD por parte da Consellería de Cultura.
_O incumprimento no que vai de ano do anuncio da conversión das bolsas para a creación de BD nuns premios, tralo fracaso das bases da primeira convocatoria.
Por iso denunciamos o abandono silencioso dos seguintes proxectos:
_A decisión aparente da Xunta de Galicia de deixar de adquirir este ano bandas deseñadas para as bibliotecas.
_A falta de apoio para as Xornadas de Ourense, cita decana da BD en Galicia (22 anos), que se celebran baixo mínimos grazas á participación dos autores.
_A falta de convocatoria por parte da Consellería de Traballo e Benestar, polo menos até o de agora, do certame máis lonxevo e único para autores noveis de BD galega, o das Xornadas de Ourense, coñecido nos últimos tempos como GZ Crea ou Xuventude Crea, pero que con diferentes denominacións atesoura unha historia de 25 anos de primeiros e ilusionantes traballos de actuais figuras do panorama nacional.
_A eliminación das axudas para o desenvolvemento de actividades e asociacións culturais, e os apoios á normalización.
En definitiva, sinalamos a falta de iniciativas de promoción da BD galega dentro e fóra de Galicia como se viña facendo nos últimos anos, de tal modo que mesmo parece probable a revisión á baixa dun premio como o Castelao de BD, en perigo de reducir a bienal a súa periodicidade e significativamente a súa dotación. Unha cita anual que críamos xa consolidada tras 7 edicións e que estaba a servir para o crecemento dun certo corpus do noso medio.
Un medio de expresión que non coñeceu tal efervescencia creativa, na nosa terra, en ningún momento anterior da súa historia. O seu prestixio é coñecido no interior e no exterior das nosas fronteiras, e sen dúbida é unha das disciplinas artísticas con maior recoñecemento, tal como corrobora a longa lista de premios e publicacións dos autores galegos.
A recente creación de empresas editoriais especializadas en BD, nadas da man de autores, e a aparición nas editoras galegas tradicionais de coleccións e edicións de bandas deseñadas, fixo posible que os nosos artistas creasen -e os lectores galegos tivesen- obras na súa propia lingua. E como confirmación dese interese do público polos nosos creadores, as devanditas obras foron tamén simultaneamente exportadas a outras linguas, a outros países.
A influencia dos medios de expresión na difusión cultural dun país é evidente. As accións de apoio institucional seguen a ser necesarias nun eido da cultura como é o da BD galega, cun tecido industrial moi novo e sensible. No momento de maior auxe e recoñecemento do medio, estes pasos atrás empobrecen o presente, e aínda peor, o futuro dos nosos creadores, das nosas artes e da visión de Galicia no mundo.
Quereríamos pensar que as cousas pódense cambiar, que podemos atopar nos axentes políticos unha certa disposición a revisar e negociar a súa política de recortes dialogando co sector. Diálogo real e non só o trámite baleiro no que se convertera a Mesa da BD. Negámonos a que o apoio institucional a unha das nosas disciplinas artísticas con máis potencial creativo actualmente desapareza sen que nin sequera a opinión pública sexa consciente, polo que vémonos na obriga de facer público este documento.
Podes apoiar a campaña firmando aquí.










