La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un carteiro

Todas as mañás, desde a ventá do despacho, a iso das dez, vexo saír os carteiros para facer o reparto de cada día. Algúns van en autobús, outros en coche, hainos que usan moto e non faltan os que levan un carriño arrastrado pola man. Nunca vin a ningún en bicicleta, aínda que supoño que esa falta debe ter relación co feito de que Vigo é unha cidade difícil para ese tipo de máquinas. Non recordo onde, quizais en Alemaña, talvez en Dinamarca, unha vez vin unha rapaza coa carteira das cartas ao lombo, correndo en patinete de dúas rodas, con freos de man e timbre. Tamén coñecín repartidores que andaban a cabalo.

E en burro. Ese, polo menos, foi o medio de transporte que usou nos últimos anos da súa vida, o Mambís, un dos carteiros da miña infancia. Antes andaba a pé, para desesperación da señora Aurora, que … Seguir leyendo

Un santo feo

Unha das ilusións que tiven de neno, e que por desgraza nunca puiden cumprir, foi coñecer o padre Prieto, un xesuíta moi popular nos anos cincuenta, que vivía en Comillas e que gozaba da fama merecida e indiscutible de ser un verdadeiro santo. Cantos se relacionaron con el dicían que se trataba dun home infinitamente bo e horriblemente feo ao mesmo tempo. Supoño que as dúas cousas me atraían, pois se da santidade falaban con admiración e cariño, da fealdade facían descricións que excitaban a curiosidade.

Eu pensaba que o día que morrese aquel home e o levasen aos altares, ía ser bastante raro ver a imaxe dunha persoa tan horrorosa colocada no retablo dunha igrexa. En xeral, os santos son bastante guapos, o cal debe contribuír en parte ao seu éxito entre os devotos, igual que ocorre coa xente na vida de todos os días.

Agora, corenta anos despois, … Seguir leyendo

Os outros

Onte falamos aquí da parte pintoresca, tan teatral, do espectáculo montado en Miami, onde xentes de corazón inflamado saíron á rúa como enlouquecidas, arrebatadas de repente dun amor inmenso por un meniño que se converteu, sen facer nada por iso, nunha especie de santo, de mesías, de redentor, de calquera cousa celestial que os demais soñaron por el. Todas aquelas xentes que choraban, rezaban, pegaban saltos, insultaban, ameazaban, dicían frases sen sentido, daban golpes no peito, tiraban do propio pelo, queimaban cousas, eran os protagonistas máis respectables da comedia, a pesar da desmesura e o exceso emocional que os dominaba.

Logo estaban os outros, aqueles aos que o neno ese lles importa un rábano, pero que lles serve para outras cousas. Escoitar a Bush laiándose de que un pequeno fose tratado pola policía dunha maneira tan inhumana, el que non dubida en confirmar penas de morte para enfermos mentais, incluídos … Seguir leyendo

Nabokov

No ano 1922, unha noite de inverno, en Berlín, dous matóns rusos entraron no salón onde un compatriota deles estaba a dar unha conferencia, sacaron as pistolas e dispararon contra o  conferenciante. Un amigo deste último meteuse rapidamente polo medio para protexelo, pero el mesmo caeu no sitio abatido polas balas. Era o pai de Vladímir Nabokov, o célebre escritor ruso, coñecido no mundo enteiro pola súa novela Lolita, do cal se celebrou onte o centenario do seu nacemento. Por certo que nun programa de radio que lle dedicaron con ese motivo, os contertulios estiveron todos de acordo en que Nabokov era un home triste, melancólico e solitario. Non lle faltaron razóns.

A morte violenta do seu pai non foi a única que lle afectou á familia. Un criado da casa chamado Osip, cando veu a revolución, acabou diante dun pelotón de fusilamento porque cometeu o crime, absolutamente monstruoso … Seguir leyendo

Cousas perdidas

En Bulgaria, un labrador que vive nunha aldea próxima á cidade de Jambol perdeu unha orella. Dito así, pode parecer que o citado señor quedou sen o apéndice auditivo, da mesma maneira que se di de alguén que perdeu un brazo, unha perna ou a saúde. Iso é certo, pero hai algo máis. A vítima estaba traballando no tellado da casa, esvarou e foi bater no chan desde unha altura de dous metros aproximadamente, con tan mala sorte que, non se sabe ben por que razón, cando se ergueu decatouse que estaba sen unha orella.

Sen perder a calma, o home púxose a buscar no chan, entre a herba, e atopou o que perdera. A continuación entrou na casa, meteu a peza debaixo da billa do lavabo e limpouna de terra e outras adherencias. Logo abriu o frigorífico, colleu unha presada de cubos de xelo, meteu todo nunha pota e … Seguir leyendo

Sobre o mal

Ceo que xa teño falado aquí dun individuo ao cal lle escoitei dicir moitas veces que tiña a esperanza de que os seus pais, considerados boas persoas pola maior parte dos veciños, estivesen ardendo no inferno. Pareceume unha das expresións máis brutais da maldade humana. Moitos anos despois, non obstante, falando con Ramón Piñeiro sobre o mal, un día díxome que el non cría na súa existencia: só se trataba de deformacións da personalidade. Ata aí chegaba a capacidade de comprensión daquel home bondadoso.

Pasei unha boa parte da mañá de onte falando de Deus cunha amiga que prepara un libro sobre esa cuestión. No transcurso da conversa, que foi moi grata, saíu este problema do mal. Busquei exemplos rapidamente na cabeza e atopei uns cantos: a profanación da tumba de Gregorio Ordóñez pareceume un caso irrebatible.

Non o é, con todo. Trátase dunha monstruosidade de tal natureza que máis … Seguir leyendo

A verdade e as sospeitas

Eu estaba en Suecia cando se celebrou o xuízo contra o presunto asasino de Olof Palme e seguín pola televisión as incidencias do acontecemento. Aínda hoxe non entendo como o tribunal absolveu un individuo contra o cal había probas que parecían concluíntes. Foi visto por máis de vinte persoas á porta do cine onde o primeiro ministro asistía a unha proxección cinematográfica: foi identificado pola viúva do político como o home que estaba ao lado daquel cando caeu abatido por un disparo; demostrouse que eran falsas todas as coartadas que presentou.

Moitos suecos, non obstante, prefiren pensar que o tal fulano non tivo nada que ver co suceso e bastantes deles inclínanse a pensar, ademais, que se tratou dunha conspiración. Cústalles aceptar a explicación máis sinxela de todas, corrixida polo escrúpulo duns xuíces que non se  atreveron a condenar a un tipo que tiña todo en contra de si, a … Seguir leyendo

Corsarios

Os sábados pola mañá, despois de ler os periódicos, gústame coller a moto ou o coche e dar un paseo pola estrada que vai desde Baiona ata A Guarda. É un dos lugares máis fermosos que coñezo. Onte, parado á altura de Punta Centinela, vin pasar un barco precioso, coas velas vermellas despregadas, navegando cara ao sur. Pareceume inglés. Un paisano que enredaba cun artefacto que podía ser un anaco dun motor marino, díxome que o seu avó lle falara das batallas que se organizaban naquel mar hai anos, na época dos franceses, unha actividade que quitou moitas fames, segundo me contou, pois rapiñábase de todo: bacallao, trigo…

Faloume dun tal Oliveira de Baiona, que tiña un bergantín chamado «O Espadarte», ou algo parecido, e que fixo capturas gloriosas aos ingleses. Nunha ocasión, polo visto, viu pasar máis de cincuenta velas daquela nacionalidade, ben protexidas por unha escolta de barcos … Seguir leyendo

Inquilino

Cando a coroación do Papa Xoán XXIII, un veciño da miña vila que seguía a cerimonia no televisor do Casino, dixo en voz alta que ó novo pontífice lle ían colocar a «piara» na cabeza. Non se trataba dun acto de anticlericalismo, senón de ignorancia, pois o que aquel home quería dicir, como é fácil supoñer, era que lle ían poñer a tiara. Non resultan infrecuentes estes disparates na vida privada e todos coñecemos casos do estilo de quen confunde «pedestal» con «pedernal » ou raios «catódicos» con «católicos». Tampouco son raros estes deslices na vida pública, como o célebre «doceavo» de Solana ou o «candelabro» dunha coñecida modelo.

Non poden considerarse sempre mostras de ignorancia, pois ás veces non deixan de ser simples confusións ou nerviosismos. Coñezo a un señor, por exemplo, que di «cápsula» cando quere dicir «cláusula». Coñece perfectamente a diferenza, pero no momento de pronunciar a … Seguir leyendo

Cálculo de probabilidades

Acabo de ler un artigo intelixente e divertido sobre os negocios que se están facendo nos Estados Unidos co asunto da próxima chegada da fin do mundo, dentro de dous anos ou algo así, cando cambie o milenio. O máis próspero de todos é o dos libros, que se publican por centos sobre ese asunto, algúns deles con títulos fantásticos, como aquel que ofrece Cen consellos para sobrevivir despois da fin do mundo. Tamén hai vídeos, películas e incluso lentes para protexer os ollos cando o sol se precipite sobre a terra.

Cando eu era rapaz, contra a fin do mundo non había máis que oracións. Unha vez, durante uns exercicios espirituais, un padre xesuíta díxonos que había que rezar para que non nos tocase vivir esa hora, a máis terrible de todas. Un cínico retrucaría que o espectáculo grandioso de ver caer as estrelas merecería a pena.

Ese negocio … Seguir leyendo