La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O bispo e a manifestación

Regresei onte de Santiago escoitando no coche, en directo, o alboroto que se acaba de montar en Asturias entre os políticos e o bispo. Por riba do fondo do asunto, que non vén ao caso, o máis chamativo resulta o feito de que nesta ocasión o prelado sexa defendido polas xentes de esquerdas e censurado polos conservadores. Un concellal comunista dixo tales cousas, todas eloxiosas, de don Gabino Díaz, que só lle faltou rematar a súa perorata rezando unha avemaría, ofrecendo xaculatorias ou encargando unhas misiñas.

No programa participaba tamén un cura, que foi cualificado de impresentable por un dos políticos enfrontados co bispo. Posto a devolvelas, o señor abade citado recorreu a ese mesmo vocábulo para responder ao insulto recibido. De maneira que entre protestas de decencia por ambas partes, a zurra foi boa e as palabras, maiores.

Debaixo de todo isto estaba unha manifestación que se ía celebrar … Seguir leyendo

O foro

O outro día falei aquí dun profesor corrupto que había en Ourense cando eu era rapaz. Hoxe vou falar dunha historia familiar relacionada con aquel home. Resulta que unha prima miña tivo que examinarse con el e non houbo máis remedio que levarlle o xamón correspondente, entón a única arma capaz de vencer a rixidez daquel lampantín. A pesar de que nun primeiro momento, o tipo mostrou certa contrariedade porque o aguinaldo non incluía as dúas patas traseiras do porco, aceptou unha disculpa inventada no momento e a miña prima aprobou brillantemente a asignatura.

Quixo o destino que uns días despois, xa iniciadas as vacacións do verán, o citado profesor, , improvisado ciclista polas estradas aldeanas onde un tío meu exercía de médico rural, pegara un golpe e partira un brazo. Avistado por un criado da casa cando xacía tirado no chan, este recolleuno como bo samaritano, cargou con el … Seguir leyendo

Entre o ben e o mal

En relación coa galiña ruín da que falei onte aquí, un amigo que sabe moito destas cousas da natureza díxome que, en xeral, os animais non adoitan ser malos, aínda que ás veces se comportan dun xeito que nos pode facer pensar o contrario. É posible, pero ver a unha pita saltándolle nos ollos a un neno con lentes, como vin eu, parécese moito a un acto propio de xente malvada. Don Ramón Otero Pedrayo estaba convencido de que, cando unha galiña fai iso, é porque confunde os ollos dos rapaces con figos.

Ultimamente non está ben visto falar mal dos animais, nin sequera das cobras, que parecen repugnantes. Mesmo en Xapón hai unha asociación de amigos dos tiburóns: falan marabillas da bondade destes monstros. Eu vin un par deles no acuario de Baltimore, cara a cara, e teñen unha pinta horrorosa, pouco de fiar.

Non resulta fácil afacerse a … Seguir leyendo

Revista

Estes días, entregado aos recordos, andei revolvendo papeis nas carpetas onde gardo unha parte da miña vida e atopei algúns que xa tiña esquecidos. Entre eles uns exemplares dunha revista escolar que dirixía o profesor José Luis Bobillo e que se chamaba Aula Dice. Creo que foi nas súas páxinas onde publiquei o meu primeiro escrito. Era espantosamente malo, retórico, cursi e sentimental, tres vicios que hoxe non soporto na literatura e que tampouco me agradan demasiado na vida. O peor de todo é que, daquela, o articuliño dado a coñecer no periódico do colexio parecíame unha marabilla. Inocencias da mocidade.

A revista imprimíase en Ourense e non recordo quen puña os cartos, pero teño idea de que os alumnos pagabamos algo. Desgraciadamente, acabaron prohibíndoa as autoridades provinciais que entendían do asunto, alegando problemas burocráticos sen solución, é dicir, unha trampa. Foi como se un mangallón nos roubase un xoguete.… Seguir leyendo

Arte de conquistar

Hai anos asistín a unha escena divertida, provocada pola presenza dunha muller moi guapa que un grupo de catro ou cinco homes trataban de conquistar. Como eu era aínda rapaciño e quedaba excluído do concurso, puiden contemplar o combate desde fóra, asombrado das cousas raras que se poden dicir e facer en circunstancias semellantes. Había quen exhibía como graza unha ristra interminable de chistes tontos; outro pretendía chamar a atención falando dunha capacidade desmesurada para inxerir cervexas sen mexar.

Postos na necesidade de superar cada un os méritos dos demais, un terceiro dixo que era capaz de engulir vinte aceitunas con óso e botalas a continuación unha por unha, máis de vinte minutos despois. Só nos libramos da porcallada grazas á rapaza, que cun expresivo xesto de anoxo disuadiu ao conquistador.

Onte, mentres esperaba nunha cola, escoitei un mozo que facía tamén grandes esforzos para impresionar a rapaza bonita que … Seguir leyendo

De festa

O domingo achegueime a Lalín para ler o pregón da Festa do Cocido, que é un dos acontecementos gastronómicos máis importantes do país. Durante perto de dúas horas, estivemos vendo un desfile de charangas, grupos de danza, gaiteiros e xente que amosaba, desde as carrozas, tractores e camións, as súas tradicións e habilidades: serranchíns serrando madeiras, zoqueiros facendo zocos, cesteiros preparando cestos, queixeiros fabricando queixos e incluso unha familia desfacendo un porco. Había tamén un xabarín domesticado, unha vaca dando leite e non sei cantas cousas máis. Unha grande explosión popular, alegre e simpática, moi natural.

O xantar, impoñente, con centos de persoas. Eu dediqueime a identificar, con verdadeiro interese, os vinte e oito sabores que, segundo Cunqueiro, ten a cacheira, ou cachucha, como se chama na miña terra a cabeza do porco. Non cheguei a todos, ignoro se por culpa do meu padal ou porque para alcanzar esa meta … Seguir leyendo

Unha páxina máis

Oxalá a noticia que estes días publican os periódicos sobre John Edgar Hoover non sexa certa. Tal como conta un libro que acaba de aparecer nos Estados Unidos, o mítico xefe do FBI, que dirixiu con man de ferro a policía federal americana durante preto de cincuenta anos, adoitaba vestirse de muller para participar en festas e orxías sexuais que se celebraban nun luxoso hotel de Nova York. Sen pretender furgar de maneira morbosa na vida privada de ninguén, a noticia sobrepasa os límites da intimidade e ten interese para todos.

Como é sabido, á fronte do seu departamento, Hoover actuou cunha dureza desapiadada contra os que el consideraba os inimigos do país, entre eles moitos intelectuais, actores e directores de cine, algúns dos cales foron acusados de traizón, frecuentemente con probas fabricadas, e enviados ao cárcere.  Foi tanto o poder que acumulou este home, que todos lle temían, incluso … Seguir leyendo

Un alumno de relixión

Cando falei onte aquí do meu antigo compañeiro de estudos, un rapaz a quen lle chamabamos Gomirro, viñéronme á memoria outros episodios e outras persoas daquela época. Por exemplo, o Zalo Peláez, a quen aínda vexo en Xinzo de cando  en vez. Era un bromista, cunha vocación cómica irresistible, sobre todo nas clases de relixión. Nunca souben por que motivo difícil de entender, o profesor da materia, un cura completamente xordo, tiña a opinión de que aquel rapaz coñón era o mellor alumno que tivera nunca.

Por iso lle pedía case sempre que saíse a dar lección, o cal se convertía nun verdadeiro escándalo. Quero dicir que o citado compañeiro, cunha audacia que nos impresionaba, púñase a falar como Cantinflas pero sen articular unha frase que tivese sentido.  Por exemplo: “Andele, señor cura, que le digo que le voy a decir, digo yo”.

Nalgunhas ocasións aproveitaba para facer chistes, o … Seguir leyendo

Unha pedrada

Algunhas veces me referín neste pequeno recuncho do periódico á tertulia de verán que mantemos Gonzalo Torrente Ballester e outros amigos, desde hai xa moitos anos, nunha cafetería de Baiona. Ás veces, cando o novelista se sente vago para moverse, arte que practica cunha contumacia admirable, montamos a cháchara no xardín da súa casa da Ramallosa, á sombra duns laranxeiros que dan un froito excelente, verde por fóra e puro azucre por dentro. O que máis me gusta de Torrente nesas tertulias é que cre en moi poucas cousas.

Por iso nunca se exalta. Os que non o coñecen ben poden pensar que se trata dunha persoa cerebral, o cal é certo, e sen entusiasmos, o cal non é certo. Eu téñoo visto autenticamente extasiado diante de calquera aparato electrónico ou escoitando unha conversa intelixente. As ideas, non obstante, pásaas sempre pola cabeza.

O corazón resérvao para os sentimentos. Ignoro … Seguir leyendo

Historia dun pacto

Había na miña vila un matrimonio, os dous amigos meus e xa desaparecidos, que chegaran a un curioso pacto, medio en broma medio en serio. Segundo o acordo, o home, que era descrido, podía facer o que quixese, naturalmente dentro dunha orde, nos días de carnaval. A cambio, a muller, que era moi da igrexa, gozaba de bula para empregar a Semana Santa como mellor lle parecese, o cal quería dicir que podía participar en misas, rosarios e procesións, especialmente na da Virxe Dolorosa.

Debo dicir que a Semana Santa era divertida. Había dous romanos, un deles o Malarraza, un neno que facía de Cirineo, outro que actuaba de Xoán Bautista e outros que eran San Pedro coas chaves do ceo, unha nena que levaba unha cobra de mentiras na man, a Xustiza cos ollos tapados e non recordo cantas cousas máis.

Todo isto desapareceu. O carnaval, en cambio, foise … Seguir leyendo