La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A importancia dun debuxo

O outro día, na escola onde estuda, unha nena amiga tivo que facer, igual que os seus compañeiros, un debuxo. Pintou unha especie de val entre dous montes, con ela situada na  parte central, e logo, en cada un dos curutos, o pai e a nai, o papá paseando o can e a mamá coa barriga grande, pois está embarazada. Respondendo a unha pregunta, a pequena foi numerando por orde de importancia a felicidade da xente que aparecía no debuxo: ela en primeiro lugar, seguida do pai, a continuación a nai e por último o can.

Unha vez rematada a tarefa, a neniña meteu o papel nun sobre e entregoullo á profesora, pois había que mandalo a Madrid para que fose estudado por uns expertos. É posible que a rapaza vivise todo isto como un xogo, pero os pais esperaron o informe co interese natural que espertan as cousas dos … Seguir leyendo

Patos e cans

Unha das persoas máis desgraciadas e bondadosas que coñecín na miña vida foi un rapaz con quen tiven unha amizade fraternal e que morreu hai xa uns anos. O seu pai, admirador de Hitler, empeñouse en convertelo nun home forte, para o cal o someteu a experiencias dunha crueldade sádica e malvada. Nunha ocasión obrigouno a matar e comer un pato que o neno tiña como mascota. Sempre sospeitei que a ideoloxía daquel  señor, a quen coñecín, non era máis que a cobertura aparencial dunha maldade ruín e perversa.

Acabo de ler que na China existe un servizo de policía que se dedica a buscar cans polas casas, un animal que está prohibido pola lei daquel país. Cando estes axentes especiais descobren un daqueles bichos convivindo cunha familia, fan o mesmo que o pai do meu amigo: obrigan aos donos a matalos a paus.

Esta prohibición ten un fundamento racional, … Seguir leyendo

Tarde de leria

O martes pola tarde, despois de comer, achegueime ao almacén de madeiras de Agapito, aquí ao lado, en Camos, para facerlle unhas preguntas sobre uns materiais que vou necesitar de aquí a pouco. Cando cheguei, el estaba fóra, explicándolle a un veciño como tiña que facer un inxerto nunha pereira. Aproveitei a lección para aprender eu tamén, aínda que supoño que a cousa debe ser máis complicada do que parece, de xeito que, de momento, non me vou meter en complicacións que excedan os meus limitados coñecementos como agricultor. Por outra parte, como non teño ningunha pereira, tampouco terei ocasión de cometer ningún  desaguisado.

Aínda que Agapito se dedica ao negocio da madeira, ten intereses noutras cousas, como é o pole, do que fai preparados que se utilizan como menciña para determinados males, ou mel e xelea real, que garda en tarros. Hai tempo que me ten invitado a probar … Seguir leyendo

Samuel

O venres pola noite, mentres ía de cháchara con Marino Dónega camiño de Riazor, onde quedara citado cuns amigos para cear, paroume unha señora simpática para facerme un comentario moi amable sobre estas cousas que escribo aquí todos os días. Durante os breves instantes que durou o encontro, faloume de Suecia e dos cans e preguntoume polo gato Samuel, de quen me dixo que había tempo que non daba noticias. Expliqueille que se criaba ben, sen novidade, e que esa era a razón de que non falase del, pois pouco tería que contar.

Para compracer a esta señora, non obstante, direille hoxe que o gato Samuel, que pertence a unha desas razas con moito pelo, elegante e distinguido, tirando máis ben a gran señor, a pesar das aparencias non é nada clasista. Eu vexo que ten amigos de todos os estilos, incluso un gato medio tiñoso, de color branca, con … Seguir leyendo

Cálculos

Uns turistas ingleses contaron que nunha visita recente ás pirámides, feita en grupo e acompañados dunha guía, cando estaban de volta no Cairo, ao entrar no famoso Café Groppi, nas inmediacións da praza Ataba, durante media hora aproximadamente puideron falar de corrido en lingua árabe, sen que antes non soubesen unha soa palabra dese idioma. Todo empezou cando unha señora lle preguntou a un camareiro: “Es-saa-kam?”, que parece que significa “¿Que hora é?” Logo xa foi todo seguido. Nun primeiro momento, os compañeiros botáronse a rir, ata que descubriron asustados que a todos lles pasaba o mesmo.

Referidas a Exipto, noticias como esta non son raras. Hai anos díxose que nunha das pirámides aparecía e desaparecía un home espido. Dun tempo a esta parte, conforme se aproxima a fin do milenio, os prodixios e os misterios vanse multiplicando. As autoridades culturais daquel país reciben cada día solicitudes de todo o … Seguir leyendo

Unha conversa

Onte pola mañá a señorita do Ministerio de Exteriores que me veu recoller ao hotel para trasladarme ao aeroporto de Orly, mentres iamos de camiño preguntoume amablemente pola impresión que me causara o Salón do Libro. Sen necesidade de mentir por cortesía, díxenlle que me impresionara sobre todo a participación do público francés, tan interesado nos debates e as conferencias. Faleille tamén das colas enormes que se formaban diante das casetas onde había escritores firmando exemplares das súas obras.

Ela confesouse lectora voraz, pero sometida á tiranía dun traballo que non lle deixaba moito tempo para ese mester. Esa foi a razón, por exemplo, de que non puidese acudir ao Salón o día que máis lle apetecía, cando veu a escritora Doris Lessing, da que se confesaba admiradora e de quen tería moito gusto en posuír un autógrafo.

Polo que respecta ás mesas redondas dos españois, aseguroume que escoitara boas … Seguir leyendo

Traballo

O outro día escoitei na radio a un deses individuos que se fartaron de dicir, incluso a través da publicación de libros, que coa chegada do ano 2000 ían ocorrer moitísimas catástrofes, incluída a fin do mundo. Non conseguín saber se era un home alucinado ou un golfo que fai negocios administrando parte da vida eterna. Este señor foi un dos moitos que prediciu o final do universo e de todo rastro de vida sobre a terra para o pasado día 3 de xaneiro. Naturalmente, non quixo aceptar o fracaso da súa profecía e, para xustificarse, reconverteuna  cun par de trucos de tipo esotérico, co argumento de que o 3 de xaneiro equivale ao 6 de abril.

Supoño que o 6 de abril acabará convertido despois nunha data posterior, aínda que non alcanzo a comprender a razón de poñer uns prazos tan curtos, pois a este paso, deseguida se lle … Seguir leyendo

Non pasa nada

Onte, en Santiago, ao entrar nunha tenda, unha señora moi amable preguntoume polo gato Samuel e díxome que había tempo que non falaba del. Expliqueille que non o fixera, en primeiro lugar, porque non quero ser pesado; en segundo, porque a Samuel non lle pasa nada, é dicir, que está ben. Iso de que a un non lle pase nada significa que non lle ocorren esas cousas extraordinarimente boas que a xente chama felicidade nin esas cousas extraordinariamente malas nas que consiste realmente a desgraza. Cando se está na situación na que se atopa o noso gato nos últimos tempos, pódese dicir que un vive tranquilo, que é a forma máis sinxela de ser feliz.

Polo demais, a única novidade é que Samuel debe estar medrando. Refírome a que, pensando en termos humanos, xa non parece exactamente un rapaz e semella que empeza a ser un home. Digo isto porque … Seguir leyendo

Os animais e as circunstancias

En relación con esa ovella que atacou a un amigo meu en Ponferrada, e que a min tanto me sorprendeu, unha persoa que coñece ben a vida da aldea asegúrame que non se trata de ningún feito raro nin infrecuente, sobre todo cando están criando. Díxome tamén que todos os animais poden atacar nesas circunstancias e que el sabe de casos de xente que foi picada por paxariños, incluído un canario que mancou nunha orella ao seu propietario. Tamén oíu falar dun señor de Gudes que foi mordido por un coello.

Pode ser. A min, todo o que vaia máis alá de cans, vacas, porcos e semellantes, resúltame raro. Por outra parte, hai lendas. Na miña terra, cando eu era rapaz, falábase dun home que un día estaba durmindo nun prado e que unha cobra se lle meteu pola boca e que lle quedou enganchada no estómago, co rabo fóra.… Seguir leyendo

En presenza de Deus

Alá polos anos vinte houbo un incendio en Ourense no que os bombeiros tiveron que salvar do lume o dono da ca sa, que naquel momento estaba durmindo e corría o risco de morrer abrasado entre as sabas, sen decatarse. Cada vez que a miña avoa nos contaba o suceso, dicía que aquel home fora sacado por unha ventá en “estado inconveniente”, sen concretar máis, recondándonos despois a necesidade de permanecer sempre en presenza de Deus, mesmo cando se dorme, incluída a roupa que se emprega.

De neno, eu entendía o “estado inconveniente” como se a aquel señor do incendio o pillasen durmindo en porrancha, sen camisa nin pixama, aínda que xa de maior, moitas veces teño pensado se o pudor que utilizaba a miña avoa para referirse a aquela situación non escondería algo peor: cousa de puntillas, por exemplo.

Esta semana lin en The New Yorker a noticia de … Seguir leyendo