La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

John Balan

Coñecín a John Balan hai xa moitos anos, cando eu era estudante de bacharelato e el actuaba nas salas de festas co nome de “El hombre orquesta”. Daquela, un dos seus números máis celebrados era a interpretación, valéndose só da boca e mais dos labios, de El sitio de Zaragoza. Tamén imitaba moi ben o chiflo do capador e os freazos dos coches, estes últimos en plena rúa, para asustar os peatóns. Desde entón, véxoo con frecuencia. Unha vez á semana, polo menos, saudámonos nunha cafetería de Vigo, á hora do almorzo. O outro día, aínda nos representou unha película do Oeste, desas nas que el fai dobre papel: o bo e o malo.

Neste tipo de actuacións, cambia de lado, segundo interprete o heroe ou o canalla. Este, por exemplo, di apuntando co revólver ao primeiro: “Joe, te llegó la hora”. E o outro, momento en que Balan … Seguir leyendo

Cousas de bispos

Non me acordo ben da historia, pero sei que trataba dun sancristán ou criado dun bispo, que ademais facía de barbeiro de Ilustrísima. O caso é que o tal individuo utilizaba unha crema de afeitar, penso que traída de Barcelona, que tiña a particularidade de adormecer os clientes, de maneira que cada vez que procedía a rasurarlle as barbas ao prelado, este quedaba  completamente durmido e púñase a roncar mentres lle facían a faena. Ese era o momento que aproveitaba o barbeiro para burlarse del.

Unha vez, fose porque a crema non fixo o efecto que se agardaba ou por calquera outra razón, o caso foi que o bispo espertou antes de tempo e atopou o sancristán diante del, dándolle as costas e erguendo a parte de atrás da chaqueta nun xesto soez. A indignación do burlado foi tan grande que se botou ao outro con furia asasina.

Conta Cunqueiro, … Seguir leyendo

Unha entrevista

Onte estiven na Universidade Complutense de Madrid para dar unha charla sobre literatura. Formaba parte dun ciclo que tiña un título solemne e inevitable: “O autor e a súa obra”. En realidade, baixo esa forma académica, do que se trataba era dun asunto bastante sinxelo: falar das cousas que un escribe. Como os profesores lles piden despois aos alumnos que fagan traballos sobre as conferencias, a sala estaba chea de estudantes que tomaban apuntamentos, temerosos de que se lles escapase algún dato importante.

Confeso que non acabo de acostumarme a estas formalidades e que no fondo, cando vexo a xente anotando nas libretas mentres falo, síntome un impostor. Por fortuna, debido a que carezo de sensibilidade para esa tortura íntima que se chama mala conciencia, procuro pensar que se trata dun xogo. Así, incluso resulta divertido.

Ao rematar a charla, achegáronse tres mociñas, dúas delas fermosas por dereito propio, a … Seguir leyendo

No nome do espírito

Os periódicos publican estes días algúns datos da biografía de David Koresh, o toliño americano que acaba de arrastrar ao inferno dunha morte terrible a preto dun cento dos seus seguidores. Polo visto, foi un estudante desastroso, incapaz de rematar os seus estudos de bacharelato; fracasou no intento de converterse en cantante de rock e andou a tiros cun compañeiro que lle disputaba a dirección espiritual da secta. Como se ve, unha vida bastante mediocre que non permitía imaxinar o final épico e grandioso no que rematou.

Nalgunhas crónicas, non obstante, fálase do talento que tiña este home para embelecar as súas vítimas. Dise que era dono dun verbo arroiador e que exercía tal fascinación sobre os seus adeptos que os chegou a convencer de que lle prestasen as mulleres para deitarse con elas e que lle permitisen emborracharse de cervexa mentres predicaba para os demais castidade e abstinencia.

Resulta … Seguir leyendo

Mirar por un cristal

A semana pasada falei aquí das árbores froiteiras da casa e do moito que padeceran eses días de aí atrás, por culpa das tormentas, que viñeron con moita auga e pedra gorda, abundante. Supoño que se me fixeron mal a min, que non teño máis que unha pavieira, unha mazaira e algunha que outra mostra para entreterme, aos que se dedican en serio ao cultivo da froita debeulles crear problemas graves, quizais sen solución. Se me guío polo que aseguran os paisanos da miña aldea, a desfeita non foi pequena.

O domingo pola tarde, nunha escampada, fun dar unha volta para comprobar, unha vez máis, como estaba todo. Naturalmente, un pouco peor, pois o tempo segue revolto, sen acougar. Collín unha folla dunha das árbores e fun mirar nun libro que trae fotos de pestes e estropicios, por ver se sacaba algunha cousa de proveito.

Cando estaba facendo a consulta, … Seguir leyendo

Cun retrato na man

Un día, en Moscova, hai xa uns quince anos, comín na casa duns profesores moi ortodoxamente comunistas, tanto que tiñan colgado da parede do único cuarto do piso un retrato enorme de Stalin. Non lles era simpático Breznev, a quen consideraban un desviacionista e ao cal acusaban de dúas cousas: vivir como un sátrapa, o mesmo el que a súa familia, e estar entregado en mans do capitalismo americano. Queixábanse da desorde e da delincuencia e reclamaban máis disciplina e man dura, sobre todo coa xente nova.

Cando eu volvía para o hotel, ás dúas da mañá, andando só polas rúas desertas da cidade, non experimentei ningunha sensación de perigo. Nunha praza vin unha velliña, con idade de xubilada, movendo unha enorme mangueira para regar o pavimento e preto do hotel atopei uns mociños á caza de dólares.

Non sei que sería daquela parella de Moscova. Acordeime deles onte, lendo … Seguir leyendo

Unha muller nun banco

Onte pola mañá, cando cheguei ao traballo, ao descorrer as cortinas do despacho vin na Alameda unha moza sentada nun banco. Desde lonxe, pareceume guapa. Tiña melena longa, ía  vestida con graza e estaba lendo un libro. O único sorprendente era a hora, pois aínda corría un pouco fresco. Iso, ao principio, porque máis tarde tamén me sorprendería que botase alí tanto tempo. Cada vez que eu erguía a cabeza e miraba cara a fóra, a moza seguía no mesmo sitio, case sen moverse, metida por enteiro na lectura.

A iso das doce, vin que se levantaba e daba un paseo, mirando cara arriba, quizais contemplando o ceo ou observando as casas de arredor. Entón desapareceu do meu campo de visión. Media hora máis tarde, non obstante, decateime de que volvía estar no mesmo banco onde eu a descubrira a primeira hora da mañá.

Por uns instantes, veume á cabeza … Seguir leyendo

Un can

Como teño contado aquí ás veces, polas tardes adoito dar un paseo polo monte, sempre que mo permiten outras obrigas menos importantes que esta, pero máis difíciles de eludir. Con frecuencia levo un libro, por se me apetece ler mentres camiño, habelencia que domino sen esforzo, incluso se teño que subir ou baixar escaleiras, e que practiquei incluso polas rúas de Nova York. Cando era rapaz e o meu pai me sorprendía en semellantes prácticas, adoitaba dicirme: “A xente acabará tomándote por tolo”. Non mo soltaba como reproche, pois era home comprensivo, senón como quen constata unha evidencia que non necesita argumentación.

Aquí, na aldea, cando paso lendo polos camiños, dáme a impresión de que a ninguén lle parece mal e que tampouco me miran como se fose tolo, quizais só con algo de pena por non lle dar descanso á cabeza. Os que non me soportan, en cambio, son … Seguir leyendo

Historias de fachas

En dúas ocasións na miña vida tocoume formar parte doutros tantos tribunais de oposicións a profesores de instituto. Como resulta fácil de imaxinar, recibín algunhas recomendacións, unha delas impoñente, pois proviña da miña propia nai, que lamentablemente non puiden atender porque o seu recomendado resultou ser unha desgraza. Outra, máis que recomendación, era unha petición ao revés: dous estudantes descoñecidos abordáronme na rúa para falarme contra un opositor que eles consideraban facha.

Tampouco os puiden compracer porque o tal individuo fixo un papel discreto, suficiente para aprobar. Os peticionarios daquel disparate son desde entón bos amigos meus e moitas veces temos recordado xuntos e divertidos aquela súa moral revolucionaria, tan chea de bos propósitos e tan empedrada de pecados.

Ignoro se o opositor atacado era ou non era fascista, pero por ese alcume o coñecían tanto os meus novos interpelantes como outros colegas universitarios. Agora leo no periódico que á … Seguir leyendo

Un pobre vergonzante

O outro día, en Bolonia, vin un pobre que pedía limosna en varios idiomas. Quero dicir que levaba un cartel no que proclamaba que tiña fame en italiano, inglés, francés e alemán. Era un home duns corenta anos, alto e delgado, cunha mancha negra na parte dereita do rostro. Polo aspecto, podía ser un funcionario, un profesional ou un empresario, pois ía correctamente aseado e vestido. Estaba de pé, non tirado contra unha parede nin estomballado, coa cartolina da súa demanda sostida na man á altura do peito.

A poucos pasos del, debaixo dos soportais da Vía da Independencia, que é o centro comercial da cidade, por onde pasa a xente que vai de compras, había outros pobres. Un deles atopábase sentado no chan, dándolle de comer xamón a un can con aspecto pouco lucido. Tiña unha caixa de cartón para recoller as moedas.

Fixeime no que sucedía. En xeral, … Seguir leyendo