La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Couto mixto

Cando eu era neno, un día fun co meu avó ata Gudes, a visitar o pazo onde nacera a súa nai, Felicidad Vallejo de Luaces. Cando volviamos, despois de merendar, díxome que detrás dos montes que quedaban ás nosas costas, houbera unha república pequeniña, composta por tres aldeas, nas que non podían entrar os gardas, nin os españois nin os portugueses, para prender os criminais que se aloxaban alí. Un destes delincuentes, un tal Casimiro, do que oíra falar na súa infancia, roubáralle a besta a un cura, e acabara vivindo naquel lugar, burlándose do señor abade, que ía cazar perto por se aínda tiña unha oportunidade de collelo fóra do sitio.

Durante anos, non souben se aquilo da república pequeniña era un conto ou era verdade. Tempo despois, don Ángel Cocho, profesor meu no bacharelato, un día pediume que fixese un traballo sobre A Limia. Buscando aquí e alá, … Seguir leyendo

O valor das cousas

Onte comín en Santiago cun grupo de amigos que viñeron a un congreso para falar sobre cuestións relacionadas con iso que chaman as novas tecnoloxías. Un dos comensais, Joan Majó, que foi ministro e sabe moito destes asuntos, dixo que se o mundo do automóbil avanzase da mesma maneira que avanzou o mundo dos ordenadores, agora un coche custaría arredor de trescentas pesetas e tería unha potencia de máis de cinco mil cabalos. A min, o exemplo pareceume magnífico, case poético.

Eu mesmo lin algo parecido hai anos, só que aplicado á industria aeronáutica. Naquel caso, o exemplo aseguraba que, postos nas mesmas circunstancias, un avión tardaría un cuarto de hora en dar a volta ao mundo e o aparato, supoñendo que fose un Jumbo, tería un prezo no mercado de aproximadamente unhas cinco mil pesetas.

Xa metidos en cifras, algún dos presentes meteu na conversa o tema do valor … Seguir leyendo

Teoría das urnas

O número de persoas con título universitario medrou tanto no mundo nas últimas décadas, que os temas dispoñibles para seren convertidos en obxecto de investigación, especialmente no campo das Humanidades, tivo que ampliarse nunha proporción similar. Non é difícil, polo tanto, atopar estudos científicos sobre calquera cousa, o mesmo sobre o prezo das patacas no século XIX que sobre o número de habitantes que tiña Lugo na época dos romanos ou os nomes das distintas saias que levaban as mulleres nobres na Idade Media.

Aproveitando que estamos na véspera dunhas eleccións xerais, eu atreveríame a propoñerlle a quen queira recoller a suxestión, un traballo arredor das urnas. Refírome ás urnas en canto realidade física, visible e tanxible, non como función ou símbolo. Digo isto porque as caixas nas que os electores introducen os seus votos son moi diferentes duns países a outros, un feito que algún significado pode ter.

En … Seguir leyendo

Aquel uniforme

A propósito do uniforme de alcalde, do que falaba aquí onte, alguén me di que aquilo da chaqueta branca, a camisa azul e os pantalóns negros non era propio ou específico dos rexedores municipais, senón dos altos cargos en xeral. Non digo que non, pero na miña vila, polo que eu recordo, todos utilizaban esa roupa nas ocasións solemnes en que tiñan que vestir de gala, é dicir, cando viña de visita o gobernador civil, cando se facía a ofrenda floral polos mortos da guerra ou cando se celebraba algunha procesión importante, como o Corpus.

Supoño que algúns, aínda fóra destes acontecementos sinalados, sacaban tamén o uniforme para presumir. Eu recordo nas festas de Xinzo, alá polos anos cincuenta, un señor de Ganade paseando pola rúa, vestido daquela maneira. Acórdome moi ben porque o confundín cun vendedor de xeados, tal como explicaba onte.

Tamén recordo vestido dese xeito un alcalde … Seguir leyendo

Unha técnica eficaz

Onte falabamos aquí dun señor ao cal sorprendín na radio no trance de facer unha descrición apocalíptica de Europa. Como se trataba dun candidato ao próximo parlamento europeo, tirei a conclusión de que acentuaba a negrura do cadro para facer máis atractivas as súas propias conclusións. Sen descartar a hipótese de que o citado señor sexa un inxenuo, un iluminado ou un iluso, eu síntome máis inclinado a pensar que nestes casos non convén desbotar a posibilidade maliciosa de que se trate dun golfo.

A min recórdame a un médico, ben coñecido na miña terra hai xa bastantes anos, que aplicaba a mesma técnica á saúde dos seus pacientes. O procedemento era elemental e sinxelo, pero dunha eficacia perfecta: consistía en facerlles un diagnóstico salvaxe, irremediable. Como despois os salvaba a todos, acabou collendo fama de sabio.

A un amigo meu, ao cal saquei nun dos meus libros co seu … Seguir leyendo

Palabras

Ese cura do que falei onte aquí, que sabía a Biblia de memoria, e do que aínda se acordarán algúns dos seus colegas, falaba sempre nun castelán moi escollido, que ás veces recordaba a lingua de Cervantes, pronunciada con coidado. Os problemas lingüísticos constituían unha das súas paixóns, sobre todo polo que respecta ao uso correcto das palabras. Un día escoiteille abroncar sarcasticamente a un compañeiro que dixo diante del a palabra “cénit”, acentuando o “e”, en vez de “cenit”, con acento tónico no “i”. Quedoume tan gravado que aínda hoxe, tantos anos despois, me chama a atención que tanta xente o diga mal.

Outro erro idiomático que non lle gustaba nada era a expresión “andar en pelotas”, en vez de “andar en pelota”, que é a correcta. Para explicarse dicía unhas cousas divertidísimas, algo picantes, e logo soltaba de memoria dez ou doce citas literarias de clásicos casteláns en … Seguir leyendo

Un accidente

Primeiro pensei que alguén lle pegara un tiro cunha desas escopetas bobas de aire comprimido, pois incluso me pareceu que tiña sangue no peito. Logo, ao fixarme mellor, decateime de que fora un accidente. O caso é que estaba eu onte pola mañá sentado no porche da casa, contemplando unha bategada de auga que semellaba un castigo, cando vin caer aos meus pés o corpo dun paxariño. Era unha lavandeira real, que nalgúns sitios chaman tamén costureiras e señoritas. Caeu fulminada.

Estou convencido de que debeu de pegar un golpe brutal contra a cristaleira do estudio, na parte alta da casa, pois non é a primeira vez que ocorre. Cando a recollín, estaba tirada panza arriba, toda escarranchada, coa color amarela do peito volta cara a min e a cabeza dobrada contra o chan. Tremía e movía unha pata aos pouquiños, como se sufrise convulsións. O aspecto era de ter … Seguir leyendo

Pensadores

O domingo, despois de traballar un par de horas no xardín, senteime a ler un pouco no porche. No libro que elixín, o autor contaba unha historia que viviu hai seis anos durante a guerra de Bosnia, mentres acompañaba un grupo de serbios que defendían unha posición na súa aldea, a douscentos metros das liñas croatas. A un lado e ao outro, os integrantes de ambos os dous bandos, eran veciños. Antes da guerra foran xuntos á mesma escola, saíran coas mesmas mozas e xogaran en parellas a partida nos mesmos cafés. De súpeto, ao empezar o conflito, convertéronse en inimigos.

Intrigado pola situación, o periodista preguntoulle a un dos soldados serbios cal era a razón daquel disparate. O home mirouno con desprezo, sacou un paquete de tabaco e dixo: “Ve? Estes son cigarros serbios. Do outro lado fuman cigarros croatas”. Cando o xornalista lle recordou que todos eran cigarros, … Seguir leyendo

Un namorado

A última vez que fun ao cine era unha película de chorar moito. Ao principio só se escoitaban algúns saloucos illados, aínda reprimidos, que provocaban a risa dunha parte dos espectadores, pero conforme pasaba o tempo, o número das persoas que choraban ía aumentando sen parar. Ao final, o pranto era case unánime, sen recato nin vergonza por parte de ninguén. Supoño que o director se valeu dalgunhas trampas para conseguir aquel río de bágoas. Non debe ser nada difícil exprimir desa maneira o corazón.

Creo que foi Unamuno quen dixo que as lágrimas saen case sempre da parte máis superficial da alma e que a dor, que procede das fonduras, non nos fai chorar, senón que nos fai sufrir, o cal é moi diferente. Na miña casa, cando eu era neno, estaba mal visto chorar, e quen violase a norma recibía un alcume: mimo podre.

Hoxe contáronme unha historia … Seguir leyendo

Peixe afumado

Onte, a pesar de que o día non se presentaba moi bo, fun pescar unhas cabalas ás proximidades das illas Cíes, que é lugar onde as hai en abundancia. Este peixe, que outros chaman xarda ou escombro ou correolo, non goza de moita aceptación no noso país, onde non se lle dá mérito ningún. Cando eu vivía en Cangas, hai perto de quince anos, unha pescantina chamoume un día a atención na praza por preguntarlle se o tiña.

Primeiro, miroume con cara de asombro e logo díxome que ela non vendía esa clase de porcaría. En Suecia, en cambio, a cabala é un peixe moi apreciado por todo o mundo. Poucos praceres gastronómicos teñen deixado en min un mellor recordo, cando estou naquela terra bendita, que os almorzos do verán, celebrando ao aire libre no xardín, nos que nunca falta ese peixe afumado. É un bocado fino, exquisito.

Precisamente, de … Seguir leyendo