La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A lingua

Dicir que o inglés desaparece de Nova York sería con seguridade unha afirmación arriscada, pero non un completo disparate. En realidade, na rúa non deixa de escoitarse falar en español, aínda que tamén noutras linguas, como chinés e ruso. No metro, por exemplo, os anuncios aparecen en inglés e español, e nesta lingua hai varias cadeas de televisión, que por certo son bastante malas. Trátase dun idioma que para nós resulta pintoresco, calcado sobre o inglés. “Entre más viajes haga, más barato será para usted”, di a publicidade das tarxetas para andar no metro. Tamén vin nalgún sitio a palabra “injurias” como tradución de “injures”, que son lesións.

O outro día, uns amigos que me estaban esperando á saída da universidade foron abordados por unha rapaza, micrófono en man, seguida dunha cámara de televisión, que andaba facendo preguntas pola rúa. Os meus amigos finxiron non entender, porque non lles apetecía … Seguir leyendo

Cousas da literatura

Hai anos coñecín en Ourense un individuo que presumía de ser un perfecto canalla, o cal significaba en concreto que confesaba abertamente odiar os negros e os xitanos e proclamaba sen pudor a súa admiración por Hitler e o labor de exterminio levado a cabo nos campos de concentración. Non era unha postura destinada a impresionar ou a chamar a atención, senón que se trataba dunha convicción fonda e segura. Iso non impedía que o citado personaxe fose ao mesmo tempo educado, culto e gran lector.

Utilicei o seu exemplo onte nos encontros literarios da Casona de Verines, aquí en Asturias, onde se montou unha longa polémica porque a Constantino Bértolo se lle ocorreu dicir que a literatura serve para que a xente sexa mellor. Naturalmente, eu non comparto esta opinión. Ser malvado non consiste en ser inculto senón en ser ruín.

Por outro lado, a literatura pode servir para … Seguir leyendo

Visita a Llanes

Onte, despois de cinco horas de coloquio na Casona de Verines, marchamos a Llanes, que queda a uns vinte quilómetros, para cear alí, invitados pola Fundación Príncipe de Asturias. Tendo en conta a categoría do anfitrión, non será necesario que diga expresamente en que consistiu a cea, pois non resulta difícil imaxinar que foi exquisita. Naturalmente, cometimos todos eses pecados modernos que ten establecido a Medicina, pero é que non hai maneira de gozar un pouco da vida se non se peca contra algo.

Llanes é unha vila moi fermosa, bastante ben conservada, con restos nobres na parte medieval, incluído un fragmento da antiga muralla. O mar que a rodea é un mar bravo, pero moi controlado por unha costa valente, cortada a pico na pedra. Ao fondo da cidade, car ao sur, a mole impoñente dos Picos de Europa sobrecolle.

Na vila están de festas. Agora tocan as da … Seguir leyendo

Fraudes

Hai uns días, nun restaurante ofrecéronme probar unhas angulas (ou meixón, como lle chaman en Tui), pero non auténticas, senón sucedáneas. Polo visto, segundo me explicaron, é un produto de imitación, fabricado a partir de peixe, que se emprega como alternativa máis barata, tendo en conta os altos prezos que as angulas verdadeiras alcanzaron no mercado. Guiado polos principios máis que pola curiosidade, dixen que non, aínda que despois me arrepentín: sempre é mellor aprender algo novo, aínda que sexa no mundo da gastronomía, que quedar co sabido. Esa é razón de que agora non poida falar con coñecemento deste asunto.

Coas angulas hai tempo xa que había trampa: as famosas de Aguinaga non eran de alí, polo menos a totalidade, senón do Baixo Miño, aquí ao lado. Supoño que outro tanto debía pasar con aquela carne de Moaña que antes era obrigada en todas as cartas dos restaurantes madrileños, … Seguir leyendo

Confesión dunha envexa

Se a un lle preguntasen que é o que máis lle impresiona de Berlín, a resposta sería tan difícil como longa e variada. Sen saír do ámbito da cultura, a lista de marabillas que a un lle gustaría ter no seu país sería practicamente interminable, empezando pola Filarmónica, seguindo pola Biblioteca Nacional e continuando pola famosa figura de Nefertiti no Museo Exipcio. Digo continuando e non rematando, porque non parece fácil poñerlle fin a calquera lista das moitas posibles, todas desexables.

Con todo, se a un lle gustase levar consigo algo de aquí, sería quizais o transporte público, ese prodixio de comodidade, rapidez e eficiencia. Son este tipo de cousas as que contan a verdade sobre a boa organización dun país. O resto, incluídos os museos, os teatros e as bibliotecas, non é máis que unha consecuencia.

Unha sociedade que resolve ben, con antelación e para moitos anos, estas cuestións … Seguir leyendo

Falar de todo

Non recordo ben se era o Rexelo ou o Primo de Lamas, pero un dos dous tiña fama de sabio. Fose quen fose, o caso é que o interesado falaba sen complexos da Biblia, dos Estados Unidos, de medicina, das constelacións, das enfermidades dos porcos ou da historia do ferrocarril. Para impresionar máis aínda a xente que o escoitaba, ás veces metía citas en inglés ou en latín, un recurso que caía como un mazo sobre a cabeza dos paisanos. Eu oín dicir del, alá na miña infancia, que sabía tanto como unha enciclopedia americana.

Tardei anos en decatarme de que o tal sabio era un farsante. Alguén me mandou un día co recado maligno, sen que el soubese da trampa, de que lle preguntase en que consistía un triángulo escaleno. Mirou para min, deulle unha chupada á cachimba, pasoume a man pola cabeza e díxome: “Xa terás tempo de … Seguir leyendo

Razóns

Creo que foi un dos espectáculos máis cómicos que vin na miña vida. Contempleino o outro día na televisión. Sucedeu nunha desas vilas vascas onde se celebra unha cousa que se chama Alarde e que consiste nunha especie de desfile procesional en conmemoración dunha vitoria militar contra os franceses. Non sei moito máis do asunto, a non ser que cada ano se monta a marimorena porque, segundo a tradición, ese desfile está reservado aos homes e prohibido ás mulleres, a pesar de que estas contribuíron bravamente no seu día á derrota do exército invasor.

Algunhas rapazas da vila, aínda que non todas, queren participar no tal Alarde, ao cal se opoñen os homes, aínda que tampouco todos, por fortuna. O caso é que hai uns días, na disputa que se ven repetindo por esa diferenza de criterios, un dos individuos que non queren ceder, escornou a unha muller que … Seguir leyendo

Retrato dun excéntrico

Ese dentista ao que me referín onte, que quería ser marqués, a pesar de que era bastante infeliz, andaba sempre metido en pelexas. Que eu recorde, bateuse con cinco persoas, nunca como gañador: unha vez, co xefe de Correos; outra, cun médico pediatra; outra mais, cun mestre de escola. Dos demais non gardo memoria. Nunha ocasión pretendeu incluso organizar un desafío a sabre cun encargado das obras da Lagoa de Antela, ao cal lle tiña manía porque lle disputaba o podio da elegancia. Ao final, a cousa quedou en nada.

Chalado e tolo, aquel home érame simpático. Creo ademais que por debaixo das súas extravagancias había un ser humano dolorido, non sei por culpa de que clase de desencantos. Por outra parte, tratábase dunha persoa moi xenerosa, que acolleu na casa unha nena, á cal criaron el e unha irmá, catalogada tamén como xente rara.

Por riba de todas as … Seguir leyendo

Conspiracións

Hai anos, estando en Londres, vin na televisión un programa sobre a morte do Papa Xoán Paulo I, arredor da cal se fixeron bastantes especulacións. Un periodista que non me pareceu moi intelixente, pero que tiña cara de listo, defendía a tese de que o pontífice fora asasinado pola propia curia. Os argumentos compuñan unha teoría absolutamente falsa, pero coherente. Baseábase nunha discusión certa entre o Secretario de Estado e o Papa para impedir que este proclamase un determinado decreto, a negativa del a obedecer e a decisión dos cardeais máis influentes, obrigados a matalo, non por maldade, senón por sentido do deber.  Aquel periodista, pouco despois, publicou un libro que obtivo un éxito enorme en todo o mundo. Aínda que as probas que aportaba en defensa da súa tese se desmontaron con toda clase de razóns, non obstante foron aceptadas por moitos lectores, algúns dos cales as seguen defendendo. … Seguir leyendo

Ladróns sen responsabilidade

Estiven comendo cun amigo, diplomático de profesión, que aproveitou a circunstancia de que non nos escoitaba ninguén para falar desas cousas que normalmente non pode dicir sen que se organice un conflito. Está destinado nun país pobre, receptor de axudas inmensas que lle chegan a través diso que se chama a cooperación internacional. A palabra “inmensas” significa exactamente, en termos económicos, varios centos de miles de millóns de pesetas, unha cifra capaz de arrincar da miseria a ese país.

Non obstante, segue fundido nela: cada ano é máis pobre. Hai pouco aínda, unha nación amiga envioulle alimentos por toneladas, pero unha parte substancial desapareceu sen deixar rastro, a pesar de que equivalía a un par de trens longos cargados de diversas mercadorías. A explicación oficial foi tan simple como desvergonzada.

Conteille despois a outros amigos estas cousas e case todos reaccionaron da mesma maneira, botándolles as culpas aos que dan … Seguir leyendo