La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Disquisicións morais

Había un asasino na miña vila, da raza daqueles bárbaros que na guerra se dedicaron a pegar tiros na nuca, que despois do conflito foi sometido a un illamento absoluto por parte dos veciños. Cando morreu, durante a misa do funeral, á cal asistiron escasísimas persoas, o cura da parroquia, que era grande, inocente e bo, fixo un eloxio tonto do morto que lle foi afeado por un fregués presente na igrexa, o cal estaba disposto a perdoar como cristián que era, pero non a soportar aquel panexírico falso, retórico e innecesario.

Na conversa que mantivo co cura na sancristía, díxolle que non se podía facer unha oración fúnebre como aquela, pois entre outras cousas, o finado matara un viaxante de comercio só para roubarlle as magníficas botas que traía. O crego, sorprendido, respondeulle que el sabía que matara, pero non que fose tan malvado.

En parecidas disquisicións morais andan … Seguir leyendo

Lapóns

Onte pola tarde, para descansar un pouco doutros traballos, estiven folleando un libro vello titulado Viagero universal, ó noticia del mundo antiguo y nuevo, publicado en Madrid, na imprenta de Villalpando, no ano 1800. Se mal non recordo, foi un regalo de Ramón Piñeiro á miña muller, pois nel fálase de Suecia. Foron precisamente as páxinas dedicadas a este país nórdico as que estiven lendo, sobre todo as consagradas á Laponia e os seus habitantes, os laponeses ou lapóns, ou “samer”, como se chaman eles mesmos

Están escritas cun descaro moi cómico. Para o autor, o nome do cal non figura no libro, os laponeses son uns homes pequenos, de cabelo curto, cabeza grosa, orellas grandes, nariz chato e romo e pernas delgadas. “Son”, asegura o autor, “la última degradación de la especie humana, así por causa del sitio que ocupan en el globo, como por su pequeña estatura … Seguir leyendo

Un espírito ruín

Aquela americana gorda chamada Gertrude Stein, a quen Picasso pintou nun cadro cor ocre que co tempo se faría célebre, parece que, ademais de fea, era antipática. Nunha ocasión removeu medio mundo para conseguir uns cans mexicanos difíciles de atopar, ata que alguén llos regalou. Non recordo ben a historia, pero penso que despois de non sei cantas viaxes en barco e outras moitas peripecias, os cans chegaron a París e resultaron ser falsos. Os infelices foron abandonados nunha rúa calquera.

Este episodio abonda para inscribir a señorita Gertrude Stein no grupo das persoas pouco fiables. Igual que esas persoas que teñen gatas na casa e periodicamente, cando paren, lles afogan as crías, ou ben en plan salvaxe, botándoas na auga das pozas e os regatos, ou empregando métodos unha miga máis civilizados, como dándolle a cheirar éter ou calquera outro produto químico semellante.

A pesar do ridículo, é preferible … Seguir leyendo

María

Estiven lendo un artigo feo sobre María Kodama, a muller que cometeu o delito de casar con Borges, que lle levaba corenta anos de idade. Era unha restra de acusacións infames, nas que non se aforraban os adxectivos máis duros, extraídos das zonas escuras e profundas do dicionario, deses pozos nos que xa non hai auga, senón lodo. Chamábanlle aventureira, muller fría e calculadora, incluso perversa. Nin sequera se evitaban as insinuacións sobre o rostro oriental desta muller, que se algúns consideramos enigmático e misterioso, o autor do artigo cualificábao de híbrido, igual que ocorre coa condición das mulas, que ademais son estériles. Unha pluma que é capaz de escribir esas cousas debía incendiarse nas mans do seu dono.

Non coñezo a María Kodama nin sei case nada sobre a súa vida, pero abóndame coa lectura destas palabras sobre ela para que me caia ben e que lle faga, desde … Seguir leyendo

Uns vasoirazos

Onte, despois de escribir a historia do rapaz aquel que dicía quiquiriquí, acordeime doutro mozo, tamén avariado da cabeza,que coñecín nun sanatorio da Coruña hai preto de vinte anos. Daquela, fora eu acompañando a un tío meu que levaba posto un dos primeiros marcapasos que se instalaron en España,un artefacto primitivo ao que lle había que cambiar as pilas cada pouco tempo. A novidade consistía en que, despois de moito tempo, para aquela operación xa non era necesario desprazarse ata Madrid.

Por pouco, o que empezou con alegría a punto estivo de rematar entre lágrimas. A culpa, aínda que involuntaria, foi miña. Resulta que o meu tío, medio amodorrado como consecuenciada intervención, pediume que avisase a alguén para que fixesen calar un pato que levaba media hora cantando debaixo da ventá.

Eu asomeime para mirar o que pasaba e limiteime a expresar en voz alta o que estaba vendo: un … Seguir leyendo

Cousas da idade

Hai xa máis de trinta anos, un día asistín en Madrid á conferencia dun periodista polo que sentía, a verdade é que compartida con moitos, unha admiración entusiasmada. Non se cabía na sala, na que se percibía un ambiente sagrado de respecto, o mesmo que se quen falase fose un sabio ou un santo. Quizais eu podería pensar naquel momento que era as dúas cousas ao mesmo tempo. Polo menos estaría disposto a defender esa tese diante de calquera que se atrevese a soster o contrario.

Falou de política internacional, que era daquela a maneira máis retorcida e eficaz de falar de política española sen incorrer en delito. Tratábase dun xogo, as regras do cal coñeciamos todos, polo cal non resultaba nada difícil facer a tradución das equivalencias. Igual que nenos, acabamos todos felices e contentos.

Onte mesmo, cando volvía para a casa, escoitei na radio o mesmo periodista, agora … Seguir leyendo

Un encontro

Onte, mentres ía no coche camiño de Vilanova de Arousa para participar no congreso sobre Valle-Inclán, sentía curiosidade por coñecer a personalidade de Anthony N. Zahareas, profesor da Universidade de Minnesota, un verdadeiro sabio en cuestións relacionadas coa obra literaria de don Ramón. Como saben moitas persoas en toda España, este catedrático nacido en Grecia, educado despois nos Estados Unidos, é autor dalgúns dos traballos máis intelixentes que se levan publicado sobre o xénero do esperpento.

Por pura casualidade correspondéronnos asentos contiguos durante o xantar, despois da clausura. Atopeime cun home simpático, agudo como un raio, non só interesado pola literatura. Ignoro por que, puxémonos a falar de jazz. Cando eu lle dixen que vira en directo a Duke Ellington e a Stan Getz, el díxome que vira a Charlie Parker.

Esas son palabras maiores. Entón pasamos a falar de literatura americana moderna. Con cara de pillabán, sabendo a impresión … Seguir leyendo

Verne

Onte falabamos aquí da placa que figura agora na fachada do antigo hotel Suízo, na rúa Cardeal Payá, de Santiago, recordando que alí pasou algunhas tempadas Ernest Hemingway e que naquel mesmo lugar, cando xa deixara de ser hotel, viviu e escribiu Gonzalo Torrente Ballester: dous grandes escritores unidos nunha mesma lembranza. Hoxe podemos celebrar igualmente o pago doutra débeda, nesta ocasión a J. Verne. Desde onte, na illa de San Simón, unha estatua réndelle homenaxe ao grande escritor de aventuras, quizais o home que máis estendeu o nome de Vigo polo mundo adiante. Como se sabe, na novela Vinte mil leguas de viaxe submarina, o capitán Nemo entra na ría, atraído polos galeóns afundidos no estreito de Rande.

Verne estará de agora en diante, situado en efixie, nun lugar próximo a aquel que el utilizou na súa célebre novela. Había anos que eu levaba pedindo algún tipo de … Seguir leyendo

Océano

O 1 de maio de 1974, apenas seis días despois da revolución portuguesa, eu estaba cunhas amigas en Lisboa, metidos os tres entre a multitude, nun palacio de deportes a onde ían chegando delegacións de todo o país. Cada pancarta que entraba, o entusiasmo da xente multiplicábase, pero pola matemática enardecida dos corazóns. Nun momento, asomou pola porta un velliño sen afeitar, mal vestido, en alpargatas, que traía na man dereita unha cartela feita coa tapa dunha caixa de zapatos. Dicía: “Grándola”. No medio dos berros, había xente que choraba.

Escenas semellantes podíanse ver na madrugada de onte en Belgrado, a través da televisión: a multitude desbordada, situada na punta da emoción máis pura. Había abrazos, bicos, saúdos cómplices. Eu acordeime entón dunha frase que escribiu o escritor portugués Miguel Torga, despois de participar naquel mesmo primeiro de maio no que participara eu: “¿Em que oceano de bom senso iria … Seguir leyendo

Tabús e eufemismos

Un dos aspectos máis atractivos do estudo da linguaxe é o que se refire aos tabús e os eufemismos. Cando unha realidade non se pode nomear por calquera razón de tipo relixioso ou social, acódese a outra palabra que permita dicir o mesmo, pero dunha maneira aceptable. Houbo linguas nas que non se podía pronunciar, non se sabe por que, a palabra man, e en moitas outras, aínda nos nosos días, a pesar da tolerancia que existe neste campo, non está ben utilizar en público os nomes dalgunhas partes do corpo.

Son moi abundantes en todas as linguas os eufemismos relacionados cos animais. En Galicia, por exemplo, o medo que inspira o lobo fai que moitas veces se lle chame dunha maneira elusiva: o da noite ou Xan. A doniña ou donicela leva un nome agarimoso en case toda Europa, quizais porque ten sona de ser moi mala … Seguir leyendo