La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pequena homenaxe

Este ano que comeza seremos inundados por Voltaire, o aniversario do cal se cumpre agora, trescentos anos despois do seu nacemento. Antes de que se nos quiten as ganas de falar del, fagamos unha sinxela homenaxe á súa intelixencia. Antes, unha introdución. Como se sabe, o escritor era amigo de Federico o Grande, que o acolleu varias veces no castelo de Sanssouci, en Postdam. Como recordo do paso do filósofo por aquel lugar, aínda se conserva un busto seu, esculpido por F. E. Meyer. É o froito das horas boas.

Das malas, consecuencia das distintas fases polas que pasou a tormentosa relación entre o rei e o seu ilustre convidado, queda a figura dun mono peludo e feo, que o monarca quixo que levase a cara de Voltaire. Forma parte das curiosidades que os turistas aprenden dos seus guías: polo menos quédalles o nome.

Todo o mundo está de acordo … Seguir leyendo

Condutas e condutores

Unha vez, cando atravesaba nun paso de peóns, en Nova York, xusto diante do Hotel Plaza, un coche meteu tanto o morro dentro da zona do meu dereito que me deu un golpiño nunha perna. Aínda que non sufrín dano de ningún tipo, a non ser o enfado correspondente, agrandado ademais pola circunstancia de saberme cheo de razón, mirei ao incivil con cara de reproche para afearlle a conduta. Era un negro enorme e barrigán,  de bigotes de foca e pelo ensortellado. Fíxose moi ben o despistado.

Situacións semellantes vivinas despois varias veces naquela cidade, ata o punto de que cheguei á conclusión de que ese é un hábito frecuente nalgúns condutores de por alá. Cando descubrín que case todos os que obraban daquela maneira eran negros, pasoume pola cabeza un pensamento repugnante como un verme.

Onte sucedeume exactamente o mesmo, pero aquí, na nosa terra, quizais a consecuencia dos … Seguir leyendo

Un sabio

O luns falei aquí do último Tsar e das paixóns que aínda provoca en Rusia, máis de setenta anos despois da súa morte. O certo é que unha porcentaxe non pequena de rusos, sobre todo entre a xente maior, verían con bos ollos a restauración da dinastía, algo que, polo de agora, non parece posible. O único seguro é que para dentro de dous anos, a Igrexa Ortodoxa vai proceder á canonización de Nicolás II, a quen considera santo, a pesar dos moitos pecados que cometeu como gobernante. Todo depende do punto de vista. Se un se fixa nos seus diarios, por exemplo, resulta difícil non pensar que era boa persoa.

No caso improbable de que os rusos volvesen á monarquía, o herdeiro directo dos Romanov sería o último Gran Duque Vladímir, que vive en Londres. Este señor, polo menos no ano 1991, estaba completamente convencido de que ía ser … Seguir leyendo

O tiro pola culata

Don Pío Baroja dicía de si mesmo que era un home rabioso. Nada máis inexacto. Acaeríalle mellor dicir que era algo roñeta. Esa é a imaxe que transmitiron del as persoas que o coñeceron. Non recordo quen contou aquela historia de que, durante unha tempada, ao chegar as oito da noite, acendía a radio, co volume tan baixo que só el o podía escoitar, arrimaba a orella ao aparato e logo apagaba de novo, sen máis. Un día, alguén quixo saber a razón daquel raro proceder e preguntoulle a que se debía aquela especie de rito. Don Pío, coa calma que nunca perdía, debuxando un sorriso malicioso, respondeu: “Es muy divertido. Todos los días, a las ocho, dicen: ‘Van a escuchar ustedes una charla de don Pedro Mourlane Michelena’. Y yo digo: ¡Que te lo crees tú! Y apago”.

Así non se comporta un home rabioso, senón un chinche. Ou … Seguir leyendo

A reliquia

Nalgunha ocasión falei aquí dunha reliquia de San Antonio María Claret que tiña eu na miña casa. Era un cacho da súa sotana, metido nun relicario que consistía nunha cruz cunha portiña detrás da cal se gardaba aquel recordo. Foi regalo dun parente meu arcebispo, que non avó, como dixeron o outro día en Segovia, sucesor do santo na diocese de Santiago de Cuba. Por certo que, tal como teño contado, este prelado galego salvou a vida de Fidel Castro cando este asaltou o cuartel de Moncada. Oínllo contar na casa dos meus pais. O propio Fidel o recoñecería publicamente no discurso “La Historia me absolverá”.

Pois ben, esa reliquia, que foi motivo de fascinación permanente para min durante a infancia, acabo de perdela. O sábado pola tarde, despois de xantar, quíxenlla amosar a un rapaz que vén pola casa e que se está preparando en Salamanca para ser misioneiro … Seguir leyendo

Perseverante

De todos os antifranquistas que coñecín nos anos da ditadura, o máis entusiasta, optimista e perseverante foi sen dúbida don Edmundo Estévez, aquel ourensán contertulio de Baroja a quen me referín hai unas días. Era tal o odio que sentía polo xeneral, que lle estaba botando sempre a maldición do xitano. Eu recórdoo no Café Miño, ó iniciar cada ano as vacacións, dándonos o último parte da novidades sobre a saúdo do Xefe do Estado. Dicía que se trataba de noticias ben fundadas que circulaban pola tertulias máis serias de Madrid.

Nada máis baixar do tren, cun pé no estribo, puña a man diante da boca para falar de medio lado e dicía con voz de conspirador triunfante: «¡o mozo queda servido!». E despois de observar con satisfacción a expectación creada, engadía: «¡Un cáncer de pancreas, que non o salva nin Deus Noso Señor en persoa que baixe a exercer … Seguir leyendo

Dentro de cen anos

Estiven lendo nunha revista noruega unha reportaxe sobre o problema de Eva Sannum, a rapaza daquel país que tantos comentarios suscitou aquí pola súa relación co herdeiro da coroa española. En xeral, as persoas interrogadas, de todas as clases e condicións sociais e culturais, amosaban a súa perplexidade, cando non a súa incapacidade para entender os motivos do conflicto. Para algúns dos entrevistados, as explicacións serían de tipo relixioso; outros aínda se acordaban de Franco e a súa herencia; non faltaban os que pensaban que se trataba dunha manobra política. Finalmente, dous ou tres confesaban que non lles importaba.

Coñezo bastante ben ós noruegos. Figuran entre as mellores xentes que teño atopado na miña vida: educados, respectuosos coa vida dos demais, con escasos prexuízos, abertos. O espectáculo do herdeiro da coroa casando cunha nai solteira, que aquí provocou tantos escándalos, aceptárono con normalidade. Da mesma maneira que aceptan a monarquía … Seguir leyendo

Falar

Había un señor na miña vila que falaba en prosa literaria. Quero dicir que escollía as frases e as palabras cun coidado tan grande que prefería dicir “túnido” en vez de “atún” e “colixir” en vez de “deducir”. Nunha ocasión, mentres suaba a mares, pois era gordo, escoiteille unha frase fantástica: “En el estío arrecia la furia de Febo”. Supoño que quería dicir que no verán vai moita calor.  Era un exemplo daquilo que conta Antonio Machado, cando o profesor Mairena lle pide a un alumno que poña en linguaxe normal a frase “los eventos consuetudinarios que acontecen en la rúa” e o rapaz escribe “lo que pasa en la calle”.

Xente desta, que fala en bonito, hai bastante. Arturo Lezcano e mais eu tiñamos un amigo en Ourense que nos citaba en calquera parte da cidade “al filo de las siete” e que un día nos dixo que o … Seguir leyendo

Unha palabra adecuada

Unha palabra castelá que boto de menos en galego é “granuja”. Calquera das moitas que a poden traducir dunha forma aproximada carecen da contundencia expresiva daquela, que reflicte dunha forma rotunda e clarísima a golfería moral dos individuos aos cales se lles aplica. Substituíla por “pícaro” ou “pillabán”, para poñer dous exemplos, non resulta satisfactorio, quizais porque estas últimas teñen tamén un sentido benévolo, de indulxencia ou simpatía, que pode acabar disimulando a cochambre da que se fala.

Hai uns poucos días, lendo nunha revista o artigo dun tramposo, andei buscando na cabeza a palabra que definira a súa impostura. Todas cantas se me ocorreron eran demasiado serias, incluso graves, extraídas dunha tradición gloriosa da decencia que non cadraba co carácter perralleiro e roñoso da actitude do articulista.

A mugre consistía en roubar a moral toda para un e deixar aos demais en pelota, esa postura que de xeito automático … Seguir leyendo

Cando dous non é dous

Desde hai unha tempada, cada vez que nesta columna escribín unha cantidade expresada en pesetas, aparecía entre paréntese a equivalencia en euros. Como eu non puxen nunca tal cousa, supoño que o facían na redacción de maneira automática, quizais como norma para ir habituando ós lectores a esta nova realidade, agora inminente. Foi o que sucedeu no artigo de onte. A propósito dese asunto, pola mañá recibín varias chamadas de algúns amigos, que me recordaron que a bolsa de euros que estes días venden nos bancos, á cal aludía na miña columna, non costa 333 pesetas, como eu dicía, senón dúas mil.
Ó principio non souben qué responder porque non entendía a razón de ter escrito nada ó respecto. Quero dicir que recordaba que en ningún momento me tiña referido ó prezo da bolsa e que, por outra parte, caso de facelo, sabía moi ben que se trataba de dúas … Seguir leyendo