La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Falando dos obxectos dedicados á execución das persoas, onte veume á memoria a historia do verdugo de Xinzo, un señor de Burgos do que se dicía que exercía esa profesión. Parecíase a Pepe Isbert, o actor que encarnou ese papel dunha maneira excelente na célebre película de Berlanga. Era pequeño coma el, mais ben gordiño, e tiña tamén a voz un pouco cascada, de augardente ou coñac de perralla. Tiña un café a onde acudiamos os nenos para velo, imaxinando como desempeñaría o seu oficio. Eu oínlle dicir a un compañeiro de escola que o tal verdugo matara máis de vinte persoas, a cen pesos cada unha.

Un día, entre un grupo de tres ou catro rapaces preparamos unha operación de castigo. Consistía en esperar que aquel home acudise un día á Canella da Perrera, agardar por el emboscados na finca do señor Ramón Bubelo, e deixarlle caer por riba unha chuvia de cantazos. Por fortuna, non apareceu, cando xa tiñamos feito un bo acopio de candullos. Se chega a aparecer, igual o deixamos descalabrado, coa alma saíndolle pola boca.

E resulta que o señor non era verdugo nin cousa parecida, segundo souben anos máis tarde, cando medrei un pouco. Aínda así, había recalcitrantes que non se baixaban do burro e xuraban que o viran saír do cárcere de tal sitio, cun maletín na man, o día da execución dun preso, unha hora máis tarde, contando os cartos que lle deran nun sobre polo traballo. Outros aseguraban que cando había execucións nalgunha parte de España, o noso veciño desaparecía da vila e non regresaba ata dous ou tres días despois, e que viña contento e invitaba os amigos a copa e puro. Eu vino chorar un día nun enterro. E o morto non lle era nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de decembro de 2001.