La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No último número da revista inglesa Granta, unha das publicacións literarias máis atractivas que hai hoxe no mundo, estiven lendo onte pola tarde unha reportaxe sobre a Rusia dos nosos días. O motivo central do traballo periodístico era o enterro dos nove esqueletos que quedaron do último Tsar, de parte da súa familia e de catro empregados da casa imperial. O autor ía dando a opinión de distintas persoas, empezando por un representante da Igrexa Ortodoxa rusa, que non acepta o resultado das análises que identificaron os restos. O motivo é claro e lóxico. Se o Tsar era santo e eses ósos aínda non fixeron ningún milagre, non poden ser del.

No bando dos partidarios do Tsar, un individuo chamado Nikolai Braun, xefe dun importante grupo monárquico, que acusaba os comunistas de ter matado nada menos que a máis de cento sesenta millóns de compatriotas, propuña metelos agora a eles en campos de concentración ou mandalos ao Círculo Polar Ártico. Por outra parte, este home lamentaba que o Tsar non fusilase a trescentas mil persoas.

Do lado dos comunistas, unha señora maior, Olga Tikhonova, defendía a morte do Tsar por razóns de alta política, incluído o fusilamento das nenas e do tsarévich, que era tamén un neniño, e dos catro empregados da casa imperial. Tres opinións duras, que non permiten facerse ilusións cara ao futuro. Menos mal que, no remate do seu traballo, o autor da reportaxe deixaba un buraquiño por onde se pode ver algo de esperanza. Cando abandonaba Rusia camiño de Londres, no avión coincidiu cunha rapaza que ía estudar alá. Dixo: “¿O enterro do Tsar? Nada, un montón de ósos”. A banalidade da indiferenza é menos perigosa que a furia da paixón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de decembro de 1998.