Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Costumes

23 de diciembre de 2017 a las 0:25

Onte dixen que ía falar do gato Samuel, que polo que vexo cando ando por aí adiante, ten moitísimos amigos en toda Galicia, se xulgo pola xente que me pregunta por el e se interesa pola súa saúde. Pois resulta que na casa, alguén non lle ten demasiada estima, como puiden comprobar o domingo pasado, durante a tertulia familiar do almorzo. Andaba o animal feito un cristo, mollado coma unha ovella, co pelo aplastado contra o corpo, mesmo coma se o levase tratado con brillantina, cando escoitei dicir que Samuel era parvo, entre outras cousas porque, cando chove, lle gusta durmir ao aire libre, debaixo da auga que cae.

Esa foi a primeira acusación que lle fixeron. Despois viñeron algunhas máis, entre outras, que polo visto, aínda que eu nunca me fixara, Samuel dorme de costas, é dicir, panza arriba. Por último, que no tocante aos seus costumes culinarios, cambia de criteiro cada pouco: non soporta a mesma comida moito tempo.

Confeso a miña perplexidade. En primeiro lugar, polo que respecta a esa preferencia por durmir panza arriba, non lle vexo o problema, pois hai moita xente que fai o mesmo. Era o que facía o meu avó Herminio, sen que ninguén considerase nunca que fose unha extravagancia. No que atinxe ao desgusto que lle causa comer a mesma comida durante tempo, non é difícil estar de acordo con el. Finalmente queda a cousa esa de durmir á chuvia, que é un pouco rara. Non máis rara, non obstante, que o que fai un veciño meu, que rega o céspede cando chove, o cal non quere dicir que estea tolo, senón que é algo peculiar. Ata me sinto orgulloso de que Samuel coincida nisto con el, xa que se trata dun profesor de Filosofía.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de decembro de 1999.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario