La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non deixa de ser curioso que con todo o que leva progresado a Medicina, aínda non haxa un remedio eficaz contra os catarros e as gripes. Polo menos oficialmente, porque eu coñezo un caso polo menos de curación preventiva do trancazo por métodos pouco ortodoxos. Sucedeulle ao meu amigo Quico, de Xinzo de Limia, que ten unha granxa de porcos en Vilariño das Poldras, en plena Lagoa de Antela, do cal xa teño falado aquí algunhas veces. Resulta que os marráns, que se parecen bastante aos humanos (a uns máis que a outros, supoño, polo menos en materia de hixiene), tamén necesitan de vacinas, entre elas a da gripe.

Nas granxas grandes, que contan con miles de animais, a vacinación realízase por un procedemento case industrial, aínda que menos. Métese a cabeza do cocho entre as pernas do vacinador, para inmobilizalo, e logo sóltaselle un pistolezado cunha especie de pistola de aire comprimido que lle inocula ao bicho a dose requirida. A cousa faise con rapidez e seguridade, a non ser que por culpa dun despiste, o home se vacine a si mesmo.

Foi o que lle pasou ao meu amigo. Despois de facelo, home dotado dun gran sentido común, en vez de acudir ao médico, foi ao veterinario. Este quitoulle importancia e fíxolle unha profecía que se cumpriu: non volvería pillar unha gripe durante anos. Moito me levo acordado desta historia desde que estou na cama con esta peste que me colleu o domingo pola noite. Non é tanto por curarme e librarme da febre e a dolor de cabeza, senón pola gracia que me fai verme a min mesmo entrando pola consulta dun veterinario pedindo a vacina dos porcos. Despois de todo, a falta de medicamentos, din que tamén é bo manter o humor para curar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de decembro de 2001.