La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Venecia, no Hotel Danieli, viviron unha aventura amorosa o poeta Alfred de Musset e a escritora George Sand. Todas as guías o recordan. Incluso, no propio hotel, a dirección encárgase de que os hóspedes que hoxe ocupan o cuarto número 10 saiban que foi alí onde o autor de As confesións dun fillo do século estivo postrado, con febre e delirando, mentres ela se daba bicos co médico que o atendía, facéndolle crer a aquel pobre infeliz enfermo que o que vían os seus ollos non eran máis que froitos da alucinación.

Xa dixen onte que en Zürich non quedan rastros de Dada nin as guías de turismo encamiñan o visitante cara á Spiegelgasse, onde estivo o famoso café Voltaire, que Vicente Risco tratou de homenaxear cando bautizou co mesmo nome o bar do Tucho, na antiga praza do Eirociño dos Cabaleiros, fronte da casa de María Andrea.

O mesmo se pode dicir doutras cidades suízas. Por exemplo, quen se aloxe no Hôtel des Bergues de Xenebra, onde estiven hai uns días, inutilmente buscará nos folletos ou nas paredes ningunha referencia ás moitas páxinas literarias que alí redactaron Chateaubriand, Paul Claudel, Rilke ou René Crevel. Por certo que este último escribiulle un día a un amigo desde un daqueles cuartos: “Vou chamar ao camareiro a ver se podo facer o amor con el”. Por suposto, isto está ben que non o recorden nunha placa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de decembro de 1997.