La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado, mentres esperaba un amigo nun café, estiven observando con atención un vello vergonzante. Todo no seu porte externo facía pensar nunha ancianidade non asumida. Vestía de colorín, incluído un ostentoso caravel na lapela da chaqueta, levaba o pelo tinguido, as uñas coidadosamente lacadas e sospeito que o ton sonrosado da cara tampouco era natural. Os complementos de adorno, é dicir, aneis, pulseira e embocadura para fumar, dáballe un inconfundible toque final de perfecto zascandil.

Estaba no esforzo inútil de ligar cun par de rapazas novas: dúas mozas graciosas e faladoras que lle permitían o xogo, quizais por aburrimento ou curiosidade máis que por verdadeiro interese. A conversa, apicarada e tonta, ía das insinuacións maliciosas ás audacias libertinas. É dicir, un conxunto ben colmado de bobadas.

Cando volvía no coche para a casa, escoitei na radio unha locutora aguerrida que entrevistaba a Santiago Carrillo e que lle reprochaba que perdese a rebeldía doutro tempo e que se estivese aburguesando. O político, raposeiro, sabio e divertido, díxolle que debían ser achaques da idade. Eu acordeime dun consello que Max Frisch lle deu unha vez a un amigo: “Non te volvas sabio na vellez; continúa iracundo”. Con esa filosofía adolescente, un corre o risco de acabar facendo o ridículo polas cafeterías.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de decembro de 1993.