La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O profesor Jacques de Bruyne, que foi quen me trouxo ata Bélxica para dar un par de conferencias, ademais de ser unha figura eminente no mundo universitario do seu país, é tamén un home con humor, que non deixa de sorprender. Despois de pedirme escusas por se o hotel que me tiña reservado non era do meu gusto, atopeime con que, ao abrir o cuarto 801, que era o que me estaba asignado, se trataba dunha luxosa suite de 150 metros, con salón, comedor, dormitorio, dous cuartos de baño, dous televisores e unha ventá corrida de vinte metros sobre a cidade. Lástima que tanta marabilla fose para min só.

Cando estaba sentado no salón, agardando noticias do profesor De Bruyne, este chamoume por teléfono. Quería saber canto tempo necesitaría para amañarme, pois pensaba levarme a cear un bocadillo a un lugar próximo ao hotel. Escarmentado pola broma do cuarto, decidín entender exactamente ao revés e pensei que o mellor sería vestirse para ir a un bo restaurante.

Nese momento, descubrín que perdera a maleta e que iso ocorrera no autobús, pois marchara sen acordarme de recollela. De xeito que non tiña outra alternativa que acudir á cea cos pantalóns de pana que usara na viaxe. Non tiven outro remedio. O restaurante, como supuxera, era para ir ben vestido e a cea, excelente e exquisita, con puro habano incluído. E na conversa, máis sorpresas aínda. Resulta que o profesor foi xogador internacional de fútbol na selección nacional belga, ademais de coronel de aviación na reserva. E por riba de todo iso, é especialista na obra de Pío Baroja. E disposto a pasar por alto a facha que eu levaba.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de decembro de 1999.