La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non quixera rematar estas impresións que traio de Caracas sen citar un feito positivo, case sorprendente nunha cidade que, como dixen estes días, ten moitos problemas. Refírome ao metro: unha marabilla. Non coñezo outro igual en ningunha parte do mundo, a non ser o de Moscova, este último co inconveniente de ser unha obra excesiva, con mármores e lámparas de luxo, máis propios dunha igrexa ou dun palacio que dunha estación de ferrocarril subterráneo. O despilfarro, aínda dirixido ao pobo, é despilfarro.

O metro de Caracas é outra cousa. As estacións son funcionais, amplas e cómodas, deseñadas con gusto, moi agradables. dáse ademais a circunstancia de que o lixo que se ve nas rúas, alí abaixo non existe. Todo está impoluto, igual que unha patena, como se dicía antes, cando a xente sabía o que era unha patena.

Os habitantes da cidade séntense orgullosos do seu metro e cóidano. Naturalmente, as paredes vense inmaculadas, sen que ninguén se atreva a violar con pintadas a pulcritude dos muros, onde ás veces se expoñen cadros ou fotografías de artistas. Nin sequera se observan esas frases de amor das que falei o outro día. Contemplando estas instalacións do metro, un pensa que se alguén puido realizar unha obra así, a cidade enteira podería ser máis habitable. A ciencia de gobernar é para min un misterio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de decembro de 1997.