La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Tiven un parente político que era tan boa persoa e tan simpático como golfo. Unha das súas raras virtudes consistía en darlle voltas ás situacións, de maneira que aparecía como vítima cando en realidade era el quen acababa de esmagar a alguén, non por maldade, senón por inconsciencia. Un día, a súa muller, durante un xantar, estando el ausente, contábanos como non se podía predicir nunca o que podía facer aquel home, pois vivía en constante actividade nerviosa, algo aloucada e bastante delirante, aínda que simpática e de intencións inocentes. Xusto cando estabamos falando destas cousas, soou o teléfono. Era o susodito e quería falar con ela.

Durante os minutos que durou a conversa, non escoitamos máis que queixas e lágrimas.Logo, rematada a comunicación, a muller volveu á mesa onde tomabamos o café, limpou as bágoas do desgusto e contounos. Resultaque o seu home, experto navegante e propietario dun fermoso veleiro, lle acababa de comunicar que coñecera, había unha semana, a un bo mariñeiro e que ao día seguinte marchaban os dous xuntos a dar unha volta ata Venezuela. Quedamos estupefactos, ata que a señora se botou a rir a gargalladas.

Cando puido falar, díxonos: “¿Sabedes o que me respondeu este senvergonza cando me queixei de que me fixese unha cousa así?” Naturalmente, non o sabiamos. “Pois díxome: ‘Por favor, querida, non me fagas aínda máis difícil esta separación’”. Pareceume unha mostra de cinismo absolutamente xenial, incomparable. Desde entón, non volvera escoitar nada igual ata onte, cando lin a proposta do Círculo de Empresarios respecto da contribución das mulleres para pagar as cotizacións nas baixas por maternidade. Estes señores teñen todo o dereito a propoñer o que queiran, igual que o meu parente podía marchar a América, pero a razón que deron recórdame a aquelo de “Non mo fagas máis difícil”. É, polo, visto para aumentar a contratación de mulleres e incentivar a natalidade.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de decembro de 2000.