La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O pai dese toliño que o luns pasado apareceu asesinado nun cárcere dos Estados Unidos, por ser o autor de dezasete mortes macabras, acaba de publicar un libro. Na dedicatoria puxo os nomes das vítimas do seu fillo, seguidos dunhas palabas nas que confesa a súa dor. Logo, en páxinas interiores, asegura que unha parte dos ingresos que perciba polas vendas irá a parar ás familias dos rapaces despedazados. O suplemento literario de The Times considera que esta é a peor dedicatoria que se escribiu nunca ao fronte dun libro.

Esa debe ser tamén a opinión de dúas das familias prexudicadas, porque xa lle puxeron un preito ao señor Lionel Dahmer por esa razón. Alegan que fixo uso dos nomes dos seus fillos sen contar co permiso correspondente e que o único motivo que o moveu para proceder dese xeito foi o de conseguir lectores para o seu libro.

Sen coñecer a historia máis que a través dos periódicos, resulta difícil saber quen pode ter razón, aínda que nestes casos un tende a poñerse de xeito natural de parte dos nenos mortos. Iso ata agora, porque desde o pasado luns, o señor Lionel Dahmer é pai así mesmo dun rapaz igualmente asasinado, co cal pasa a converterse tamén el nunha vítima, o mesmo que os demais. Non sei se os que o acusaron diante dos tribunais retirarán agora a denuncia: non sei por que a dor dos demais sempre nos ensancha o corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de novembro de 1994.