La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, paseando pola rúa, atopeime con don Luís, un antigo profesor xa de moitos anos, de aspecto pulcro e trato amable, como antes, carácter doce e pensamento escéptico. Sen amargura, diante dun café sorbido a grolos pequeniños de lambón calmoso, entre pito e pito, confesoume que tiña a impresión de que non fora un bo mestre. Mirándome con ollos de pillabán, dixo que estaba seguro, por exemplo, de que eu xa non sabería resolver unha sinxela ecuación de segundo grao. Non se equivocaba.

Sentinme amolado por non poder retrucar a verdade que acababa de dicir e vin o sorriso triunfante co cal rubricaba o seu argumento. Só se me ocorreu recordarlle que eu non era un exemplo válido, en parte porque me gustaba a literatura máis que as matemáticas, pero que tiña alumnos que si lembraban esas cousas.

Cando xa nos levantabamos, recordei de repente unha clase na que este profesor nos contou a historia de Simón o Estilita, aquel santo que pasou media vida no deserto subido nunha columna que medía sesenta pés de altura. Díxenlle que grazas a esa historia eu aprendera desde entón que un pé equivalía a uns trinta centímetros. Volveu sorrir e concluíu: “Iso non son matemáticas, é literatura”. Non me atrevín a dicirlle que tamén me acordaba de que o santo fixera mil catrocentas inclinacións nun día.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de novembro de 1993.