La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O can de San Hoxe sabemos que non son certos todos os disparates que se atribúen a don Xan da Cova, aquel toliño de Ourense que foi o centro das bromas, ás veces moi crueis, dos señoritos da cidade. Non é seguro, por exemplo, que fose o inventor teórico do pirandárgallo, un artiluxio concibido para voar polo mundo sen necesidade de moverse do sitio. Está probado, en cambio, que foi o creador do idioma chamado o trampitán, que non entendía ninguén máis ca el. Eu teño varias obras de don Xan escritas nesa lingua.

É falso, como el mesmo se encargou de denunciar en vida, que esculpise unha talla de san Roque para a parroquia de Velle e que fixese o can do santo cun nabo. O que si esculpiu don Xan foi un san Bieito Abade que se conserva na igrexa de Santa Eufemia en Ourense e que se pode contemplar nunha das capelas da esquerda.

Acordeime onte disto, paseando por Santiago, cando vin un san Roque que estaban rematando nun taller. Tamén me acordei da señora Amalia, unha velliña de Beiro, parroquia onde este avogado das pestes tiña moitos devotos, que lle rezaba tanto ao santo como ao can. Ao primeiro, para pedirlle saúde para ela e para os seus; ao segundo, para encomendarlle as galiñas da casa, os coellos, as vacas e o burro. Como dicía aquela boa muller, se o can de san Roque estaba no ceo, ben podía botar unha man.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de novembro de 1996.