La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O luns pasado, cando saía da reunión do xurado que lle concedeu o Premio das Letras a Carmen Martín Gaite, no Paseo de Recoletos de Madrid vin un grupo de taxistas que discutían cun funcionario do concello. No momento en que este señor lles dixo que el carecía de atribucións para resolver os seus problemas e deu a volta para seguir o seu camiño, algúns deles empezaron a insultalo cunha furia que só se podía comprender polo estado emocional no que se atopan despois do asasinato de dous compañeiros.

Os máis violentos eran dous tipos delgados e pequenos que non só pronunciaron as palabras máis grosas, é dicir, porco, chupón, mamón, e outras semellantes, senón que cando o citado señor xa se afastara uns cen metros do grupo, propuxeron ir pegarlle unha tunda: deseguida se sumaron seis ou sete á barbarie.

Botaron a correr detrás da vítima, que camiñaba sen conciencia do que se estaba preparando ás súas costas, cando do medio do grupo saltaron tres ou catro homes grandes e fortes que obrigaron a aqueles poucos exaltados a desistir de plan  tan incivil. Resultaba curioso observar a separación perfecta entre furia vociferante dos mingurrias agresivos e a cachaza, tranquilidade e sentido común dos forzudos que impediron a agresión. Menos mal que a natureza ten estas cousas: mete os corazóns explosivos en corpos pequenos.

Esta columna publicouse orixinalmente 23 de novembro de 1994.