La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven observando a Julio Anguita durante máis de media hora na televisión. Ten todo o aspecto de ser unha persoa honrada. Nisto parécese a algúns santos. Nalgún sitio teño lido que de pequeno quixo ser misioneiro, como Santa Teresa. Algo lle queda desa querenza na mirada. Fala co entusiasmo fervoroso dos místicos e coa convicción determinante dos profetas. Fáltalle humor, non obstante, esa condición suprema da intelixencia. Irá ao ceo, sen dúbida, pero non sei se chegará ao goberno.

Escoiteille dicir que se algún periodista se atrevese a citalo na televisión para facerlle unhas preguntas sobre o último partido de fútbol que xogou a selección española, que se negaría en redondo. A razón é que cando un país equipara os acontecementos deportivos cos grandes feitos históricos, como Lepanto, é que todo vai moi mal.

Grave erro. En primeiro lugar, ninguén pode ser tan tonto que confunda un partido coa batalla de San Quintín. Un encontro futbolístico non é máis que un encontro futbolístico, é dicir, un espectáculo que lle gusta a moita xente, incluídos os sabios e políticos, e que esperta grandes paixóns. Diso non se segue ningunha conclusión dramática respecto da marcha dun país. O que si se pode pensar é que cando un político ten unha visión tan ríxida da vida, se non merecería a pena que entrase nun convento.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de novembro de 1993.