La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Para ir de Xerusalén a Petra, a mítica cidade situada no veciño reino de Xordania, hai que seguir un camiño bastante absurdo. En primeiro lugar, vaise en dirección norte, deixando o río Xordán á dereita; logo atravésase a fronteira, sobre o río, e iníciase a volta en sentido contrario, desandando unha boa parte do longo percorrido feito a través do deserto de Xudea. O incordio débese a razóns de tipo militar, pois a comunicación entre os dous países, a pesar de que as relacións entre eles son hoxe moi boas, non resultan, con todo, fáciles. Entre os ríxidos controis de seguridade duns e a ineficacia burocrática dos outros, botamos na fronteira arredor de dúas horas.

Antes, ao atravesar a cidade bíblica de Xericó, convertida agora nunha pequena vila de aspecto pobre, emprazada nun oasis, ao pé do Monte das Tentacións, atopámonos cunha caravana de coches oficiais, con periodistas, motoristas, unha ambulancia e militares protexendo a ruta. Era o encontro entre Arafat e o presidente de Alemaña, que se encontraban alí. Oxalá que a entrevista fose para ben.

En Xordania, todo parece moi pobre, o cal se percibe na amabilidade e na dignidade da xente. Nunha tenda, a un amigo desapareceulle a carteira cando a tiña posta sobre a mesa do caixeiro. Houbo consternación nos xordanos que nos acompañan, entre eles un policía de uniforme que vén con nós no autobús. Pouco despois chamaron polo móbil dun dos guías para avisar de que a carteira estaba alí e que todo se debera a unha confusión. Os xordanos detiveron o autobús para avisar polo altavoz, cun tono épico, digno de quen acaba de descubrir un continente. Nas súas caras había orgullo. E nós, todos contentos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de novembro de 1998.