La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha das características do Paquito Galletas, a quen eu tratei na miña infancia, era que contaba a guerra moi ben. Máis que as cousas das que falaba en si, o interese do relato estaba nos sons. Cando quería narrar o asalto a unha trincheira, por exemplo, da súa boca saían os disparos dos fusís (pimpum-pim-pum) e das metralletas (ta-rra-ta-ta-tá), o zoar dos avións (fiuuuuu), ademais dos berros do xefe que os mandaba (“¡Adelante, valientes, que el enemigo es nuestro!”). A pesar do rudimentario do procedemento, non contaba dúas batallas iguais, aínda que no fondo todas se parecían a unha especie de verbena.

O curioso era que o inimigo quedaba tan envolto en toda aquela parafernalia de ruídos que non resultaba visible. Con todo, existía, porque de cando en vez, o Paquito aludía a el, ou a eles, como “aqueles pobres infelices”. Iso fixo que eu non vise a guerra como maldade ata anos despois, cando indo nun autobús, lle escoitei dicir a un veciño, sen que el se decatase, unha frase terrible: “A moitos roxos liquidamos nesta ponte”.

Era a ponte de Castrelo de Miño e eu ía xogar un partido de fútbol. A aquel personaxe, un coxo malo, non o volvín saudar na miña vida, ao revés do que me pasou co Paquito Galletas, a quen aínda hoxe recordo con moito agarimo. Este home e aquel outro encarnan, sen dúbida, dúas maneiras de ser persoas.  Vinas, de novo onte, reflexadas nalgunhas noticias de Afganistán que publicaban os periódicos. Nunha delas, con fotografía, un grupo de soldados asasinaba sen piedade a un pobre home indefenso que imploraba pola súa vida. Noutra, un soldado, ao pasar, cubría piadosamente cunha manta o corpo do asasinado. Desta non había foto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de novembro de 2001.