La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na antiga Alemaña do leste, nunha planicie próxima á fronteira con Polonia, érguese unha das empresas máis absurdas do mundo. Trátase dun complexo siderúrxico que carece das materias primas necesarias para o seu propio funcionamento, o ferro e o carbón, pero que emprega a preto de vinte e cinco mil homes. O mastodonte, que naturalmente está condenado a desaparecer, xa iniciou os primeiros estertores da agonía. Os traballadores, asustados polo que vai pasar, culpan a uns poucos refuxiados políticos da súa desgraza.

É como culpar aos portugueses de traer os sapos para España, unha acusación que aínda se lles segue facendo nalgúns lugares de Galicia. Hai moitos anos, os labradores da miña terra, alá na Limia, culpaban a uns avións estranxeiors, quizais franceses, de botar o escaravello da pataca. Recentemente, en Iraq fusilaron a tres xordanos acusados de introducir formigas rabiosas no país.

Sempre, en todas partes, hai un culpable que veu doutro sitio, que fala unha lingua diferente e que adoita ser pobre. Mirar a esta xente con xenreira, non obstante, non é un sentimento espontáneo, pois resulta máis natural e humano compadecerse deles que desprezalos e perseguilos. Como dicía Oscar Hammerstein nunha famosa canción: “É necesario que nos aprendan a odiar”. Se non fose así, ¿quen se atrevería a culpar a uns pobres estranxeiros desvalidos do fracaso monumental dunha enorme empresa siderúrxica?

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de novembro de 1992.