La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estou vendo a don Vicente Risco, pequeniño e nervioso, parado diante do café Parque en Ourense, alá polo inverno de 1961, soportando en silencio a bronca dun pintor incomprendido, convencido de ser un xenio, que lle reprochaba non telo seleccionado para figurar nunha exposición que se ía celebrar en Madrid. O agraviado, cada vez máis agresivo, despois de afirmar categoricamente que ninguén pintaba mellor ca el, incluído Manolo Prego, perdeu o sentidiño e empezou a proclamar a berros que só Velázquez o superaba.

Don Vicente entrou pálido no café, rosmando polo baixo o nome de Xesús, que repetía sen cesar como se tivese medo de que o mundo acabase de ser asaltado de repente por unha banda incontrolada de xente disparatada. Foi entón cando lle escoitei dicir por primeira vez que os necios son sempre máis perigosos que os malos.

Estes días, cunha monotonía exasperante, os periódicos non deixan de cualificar de extremista e radical ao individuo que acabou coa vida do primeiro ministro de Israel. Non dubido da certeza do cualificativo, pero paréceme excesivo para definir a personalidade do asasino. Radical tamén foi Isaac Rabin, sobre todo á hora de atreverse a iniciar o proceso de pacificación que lle custou a vida. O radicalismo, polo tanto, non é o concepto adecuado. Por riba de todo, o rapaz ese é fundamentalmente idiota. Por iso resultou ser tan perigoso.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de novembro de 1995.