La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos sacaron na televisión un tipógrafo de aspecto bondadoso, que contou como durante a Guerra Civil fora fusilado de mentiras por un grupo de bárbaros que finxiron executalo contra o muro dun cemiterio en Alsasua. De resultas daquela historia macabra dixo que lle quedara un medo permanente que non o deixaba durmir só polo pánico que lle producía a simple idea de que en soños se puidese reproducir aquela horrible experiencia. O sorprendente é que o bo do home se confesaba partidario da pena de morte.

Cando o locutor lle fixo ver a contradición en que caía, aclarou que el reservaba ese tipo de condena soamente para os partidarios da pena capital. Foi tal o xesto de incredulidade que se debuxou no rostro do periodista que non tivo a lucidez necesaria para dicirlle que iso significaba que se condenaba a morte a si mesmo.

En cuestión de toliños, as cousas poden ser así. Nos Estados Unidos, un señor que está en contra do aborto, é dicir, a favor da vida, acaba de matar dun tiro a un médico que se dedicaba a practicalos. Un xurado popular decidiu xa que o antiabortista debe ser condenado tamén á última pena. Agora só faltaba que xentes coa mesma mentalidade do tipógrafo de Alsasua acordasen poñer en práctica a doutrina deste último e matasen aos membros do xurado. Así ata o infinito, porque alóxica dos insensatos carece de límites.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de novembro de 1994.