La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai catro ou cinco anos viaxei ata Baltimore, xunto co escritor catalán Joan Perucho, invitados ambos os dous pola Modern Language Association, para dar, cada un de nós, unha conferencia. Perucho falou de películas de monstros, o cal me sorprendeu bastante, pois non imaxinaba que el soubese tanto daquel asunto. Eu non recordo de que falei, pero lembro en cambio moi ben que no coloquio me encheron de preguntas sobre a teoría de se Cristóbal Colón era galego. Agora leo nunha revista que a famosa entidade que nos convidou naquela ocasión está convertida, despois de anos de merecido prestixio, nunha asociación contaminada pola estupidez que percorre, como unha peste imparable, os estudos de literatura nos Estados Unidos.

Nas reunións anuais que celebran os miles de profesores desa materia, pódense escoitar conferencias que, vistos os títulos, un non sabería dicir se estamos diante dunha parodia ou se, polo contrario, se trata de traballos escritos e presentados en serio. Poño dous exemplos: «Cómeme. O Capitán Cook e a inxestión do Outro”; e “A semiótica de Sinatra”. Un dos dous foi certo.

Tamén é certo que se deu unha conferencia sobre un espectáculo pornográfico que consistía en que unha rapaza espida invitaba os espectadores, previo pago dunha cantidade adicional, a contemplar o sexo dela a través dun espello. Usando unha linterna e dirixindo a mirada a un dos ángulos, o curioso podía ver aquela parte anatómica da artista reflectida na propia pupila. No debate que seguiu á conferencia, os participantes chegaron a unha conclusión que cito textualmente: “Á luz do truco óptico, as explicacións usuais da perspectiva como elemento constitutivo da conciencia visual de Occidente, deben ser revisadas”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de novembro de 1999.