La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Durante moitos anos, na casa dos meus pais traballou unha rapaza sinxela e boa que chegou a ser un membro máis da familia. Soubemos que era así cando tivo confiaza para mandar en todos, impartir ordes e rifarnos por calquera cousa, pero confirmouse de forma definitiva o día en que puxo en perigo a súa vida para salvar ao meu irmán, un neno de catro anos que levaba varios minutos sometido á furia incontrolada dunha vaca tola. Daquela, saíu cunha cornada salvaxe no pescozo e unha cicatriz que aínda hoxe recorda o milagre.

Pouco despois concibiu a idea de peregrinar a Santiago, non tanto para agradecer o favor recibido como para facer unha viaxe longa, ela que nunca fora máis alá de Ourense. Tiña ademais a curiosidade de ver o botafumeiro, do cal nos escoitaba falar na casa, e as torres da catedral, que nós lle pintabamos inmensas.

Volveu conmovida e emocionada, pero non polas marabillas de Compostela, senón polo touro dun anuncio de coñac, que descubrira erguido e vixiante no alto dun monte. Foi motivo de risas e de tomaduras de pelo, que ela aturaba con paciencia a non ser cando lle chamabamos ignorante, pois entón arrepúñase e devolvíanos o insulto. Agora, establecido por varios profesores de estética o alto valor artístico do famoso  touro, un séntese como se tivese pasado por Oxford sen aproveitar ben todas as oportunidades.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de outubro de 1994.