La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha mañá abafante do pasado mes de agosto, seis policías franceses esperaban camuflados nunha rúa de Aix-en-Provence a chegada dunha muller perigosa á cal pretendían deter. Levaban máis de vinte e oito horas sen durmir, agardando o momento apropiado, previamente establecido polos xefes. Case todos sentían sede, pero ningún se atrevía a separarse do grupo e entrar nun dos cafés veciños a tomar unha cervexa, pois eran conscientes de que a moza sinalada como obxectivo non podía atrasarse moito máis.

A noite anterior seguírana desde Aix-en-Provence ata Cannes e desde aquí novamente ata o lugar inicial. A rapaza, alta e fermosa, andara percorrendo co seu mozo os restaurantes e as discotecas da zona, disposta a aproveitar toda a graza e o encanto daquela agradable noite de verán. Iso durou ata as catro da mañá.

Por iso, á unha do mediodía, a parella aínda seguía durmindo. Canso de esperar e amolado pola sede e o soño que sentía, un dos policías comentou despectivamente cun compañeiro: “¡Hábitos españois!” Non sabía o moito que esta frase podería desgustar á muller que ían deter uns minutos despois, Idoia López Riaño, unha das máis famosas terroristas de ETA. Hai sutilezas lingüísticas que unha cabeza embotada pola calor non distingue facilmente. Por iso quizais Arzallus as repetía en voz tan alta estes días de campaña.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de outubro de 1993.