La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un día inconcreto dos primeiros anos setenta, mentres paseaba por Ourense deixándome levar polo gozo irresponsable de ir dun lado para outro sen nada que facer, atopeime cun amigo gordo e bondadoso, pero triste, con cara de noxo permanente, que me parou para expresarme a súa angustia en relación co estado xeral do noso país. Aínda que eu compartía os seus sentimentos, non conseguía identificarme, quizais por razóns de tipo temperamental, coa súa maneira desesperanzada de vivir aquela situación.

O caso é que lle debín dicir algo que non lle gustou demasiado e que probablemente reflectía o meu estado de ánimo, tan distante, do que el transparentaba, que me quedou mirando con xesto de reproche e díxome: “Claro, cando aquí sobe o bióxido da mala uva, ti colles e vas a Suecia a respirar mellor”.

A verdade é que eu non ía a Suecia así como así, porque con frecuencia me facían perrerías co pasaporte, pero, polo menos no plano espiritual, o meu amigo tiña algunha razón. Quero dicir que, daquela, Suecia era para min como un refuxio ou un balneario temporal. E foino durante anos. Dubido que o siga sendo no futuro. Onte mesmo publicaban os periódicos un asunto de corrupción tamén alí. Xa non se libra ninguén. É como se Deus nos vixiase a todos na intimidade e logo llo fose contando aos periódicos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de outubro de 1995.