La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, nunha reunión dos xurados encargados de outorgar os Premios Nacionais de Literatura deste ano, unha funcionaria do Ministerio de Cultura pediunos a todos os asistentes que fixésemos o favor de darlle un papel co número das nosas contas bancarias para facernos o ingreso que nos corresponde en concepto de dietas. De pronto, un dos presentes, bo amigo meu, levantou a man para dicir que el non dispuña de ningunha conta. Naturalmente, todo o mundo pensou que se trataba dunha broma.

Tivo que explicar que el era padre marianista, aínda que levase chaqueta e gravata, e que o voto de pobreza non consistía nunha simple declaración de principios, senón nun feito real: el non tiña diñeiro propio. Díxoo nun ton sinxelo, sen que parecese nin unha predicación nin unha mostra de arrogancia, con naturalidade.

Escuso engadir que se creou un problema que ninguén sabía como resolver. Tampouco será necesario insistir en que a sorpresa nos colleu a todos por asalto, como un ladrón que nos saíse nunha esquina. Ao rematar a xuntanza, eu achegueime ao meu amigo para preguntarlle como se vivía dese xeito, sen disponer dunha conta nun banco. Respondeume sorrindo: “Moi feliz”. Unha hora despois, eu estaba nunha tenda mercando unha locomotora para o tren eléctrico. Hai xa moito tempo que un renunciou a ser santo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de outubro de 1996.