La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nos primeiros días de novembro de 1928, o criminal xudeu Arnold Rothstein, que entón tiña arredor de corenta anos, estaba ceando cunha preciosa rubia elegante, Inez, no restaurante Lind’ys, en Nova York. Segundo ela mesma ten contado, falaban de amor, como adoitaban facer sempre que se encontraban. Unha chamada telefónica levouno ata o hotel Park Central. Alí, na porta de servizo, alguén lle meteu un tiro nunha ingua e acabou con el. Aínda que chegou consciente ao hospital, negouse a dicir nada do nome do seu asasino.

O Arnold da realidade, que nunca matou a ninguén, aínda que sempre levaba pistola, serviulle de modelo ao novelista Scott Fitzgerald para crear o personaxe Meyer Wolfsheim de O gran Gatsby. Ao contrario do que suxire esta novela, Rothstein era un home refinado, que lle aprendeu modais a tipos rudos como Luciano.

Dunha especie ben distinta parecen os matóns rusos que estes días están poñendo en dificultades aos empresarios españois que montaron negocios en Rusia. Eu vin algúns destes mafiosos en Berlín, onde controlan as vendas de iconas e outros obxectos de arte sacados do seu país. Eran gordos, comían callos na pota e falaban coa boca chea cando lles preguntabas polos prezos. Supoño que ningún deles acabará dentro dunha novela, como Arnold. En cuestións de literatura, non pasarán nunca da crónica de sucesos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de outubro de 1994.