La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, chamei por teléfono a un amigo que me dixo que leva uns días no leito, desfondado e sen ganas de facer nada. Supuxen que era a gripe, pero díxome que non. Ten un virus raro. Polo menos, iso foi o que lle diagnosticou o médico. Grazas a Deus, parece que se trata dun parasito que morre en tres ou catro días. Resulta curioso porque no verán, unha noite que me acheguei ata Panxón para tomar o fresco, atopei nunha terraza outro amigo, delgado e con mala cara. Tamén me dixo que tiña un virus.

Na casa tiñamos unha nogueira espléndida que daba unhas noces grandes coma tomates, moi ricas. Na primavera, os rapaces andaron matando unha madreselva invasora, de reproducción incontrolable como o cancro, e debéuselle ir a man co produto, que quedou a pobre esmirrada como unha mociña tísica.

Un paisano aconselloume que lle pegase unha malleira pola noite e que ao día seguinte lle dese unha poda dura. A malleira non lla dei, pero a poda si que lla peguei. Despois, agardei sen moita esperanza, pero en setembro empezou a botar follas. Desde hai uns días, non obstante, tenas negras, como invadidas de piollos. Leveille unha mostra a unha señora que sabe disto e díxo me que a nogueira está afectada por un virus. Se cura, as primeiras noces serán para eses dous amigos, compañeiros da árbore no infortunio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de outubro de 1997.