La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un par de meses falei mal dunha das cadelas que temos na casa, a rottweiler que chamamos Buba. Non me faltaban motivos: acababa de atacar con furia á infeliz de Leda, que é unha santa. Deixouna tan mal ferida que tivo que pasar polo quirófano. Se houbese xustiza no mundo dos cans, a violenta estaría agora en presidio, condenada quizais a moitos anos de cárcere. E se tivese a mala sorte de nacer nun deses países nos que aínda matan a xente como castigo legal, é probable que pasase pola cadeira eléctrica.

Deus o fixera mellor, porque tampouco se trata de desexar para ninguén, nin sequera para un can feroz, un final tan inhumano. Haille que dar a todo o mundo a posibilidade de rexenerarse. O caso é que como eu non podía meter a Buba en prisión, deixeille de falar. Durante todo este tempo, foi como se fose transparente.

Hai unhas semanas, Buba foi nai por primeira vez. Desde entón, non abandona aos cachorros nin cinco minutos. Cóidaos con agarimo, derretida, pero tampouco os esconde nin amosa os dentes cando chegan visitas. Compórtase como unha señora digna e responsable, incluso orgullosa das boliñas de sebo que trouxo ao mundo. Naturalmente, empeceille a falar de novo. Para min é como se saíse da cadea completamente reformada, disposta a emprender unha nova vida. A ninguén se lle pode negar esa posibilidade.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de outubro de 1996.