La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

As persoas que non coñecen a afección aos trens eléctricos con frecuencia pensan que se trata dun xogo tonto, no que unha maquiniña en miniatura arrastra uns cantos vagóns por un circuíto redondo, arredor do cal dá voltas e máis voltas dun xeito monóntono e absurdo. É dicir, un entretemento para idiotas. Esa é a razón de que moitas veces algúns afeccionados oculten a súa condición e practiquen cos seus trens en faiados ou habitacións apartadas, mesmo como se se tratase dun vicio infamante e solitario.

Non obstante, os trens eléctricos son outra cousa, sobre todo para as persoas que deixaron moi atrás a infancia. Non me refiro só ás complicacións dun bo circuíto, onde funcionan os semáforos de forma automática e van e veñen varios trens ao mesmo tempo respectándose de xeito escrupuloso uns aos outros, sen chocar, perdéndose por túneles e atravesando vales, montañas e pontes.

Por riba de todo iso, penso eu, está o tema do tren, tan universalmente amado, e a paixón polas miniaturas e as coleccións. Ter nas mans unha locomotora de pouco máis de dous centímentros, coas súas vielas funcionando e un foco eléctrico como a cabeza dun alfinete que proxecta a súa luz valente e diminuta sobre a vía, pode deparar un pracer intenso. Todo iso é posible grazas á técnica alemá, a única que se ten aventurado ata agora neses tamaños tan pequenos. O malo é o novo prezo do marco.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de outubro de 1992.