La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Contáronme onte que agora, ao chegar o mes de outubro, nos montes de por aquí arredor andan moitos rapaces á procura dun cogomelo determinado que lles serve para colocarse. Polo visto, a cousa empezou sendo minoritaria, pero ultimamente estendeuse tanto que os pioneiros están indignados, pois temen que a masificación acabe coa especie. Os efectos, segundo os meus informantes, dependen da cantidade que se coma, de maneira que hai xente que se bota a rir e outros que pasan horas vendo miles de gatos.

De dous irmáns que andaron metidos nesta confraría do disparate dixéronme que un deles se introduciu dentro dunha fotografía e que estivo falando animadamente cun can que aparecía no retrato. O outro colleu tanto frío, a pesar de que facía bastante calor na casa, que se puxo a ver a televisión, pero tapado con sete mantas.

Mentres non lles dea por loucuras maiores, menos mal. Hai anos, na cidade sueca de Halmstad, unha rapaza que se dedicaba tamén a este tipo de experiencias con potingues feitos a base de plantas, tirouse pola ventá e matouse. O seu pai contoulle á policía que a mociña, antes de lanzarse, empezara a cantar como unha galiña e a bater as mans como se fosen ás. Nunca entendín que non lle dese por sentirse pomba ou anduriña ou aguia. De morrer por unha parvada, mellor que esta fose, polo menos, máis bonita.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de setembro de 1997.