La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Confeso que me resulta moi difícil entender a fama de que goza Peter Singer e que me custa máis aínda aceptar que sexa un dos filósofos máis influentes dos nosos días. Paréceme ben que predique a favor dos animais e que se fixese vexetariano porque considera que os humanos non temos piedade dos nosos parentes biolóxicos, sexan estes os porcos e as vacas, os polos e as ovellas, ou os salmóns e as robalizas. Non entendo que diga, en cambio, que os pais estean lexitimados moralmente para matar un fillo enfermo crónico ou que non teña sentido, desde o punto de vista ético, prolongar artificialmente a vida dun vello, cando con  eses cartos se podían salvar vidas de xente nova, incluso de nenos e mozos con futuro por diante.

Un dos argumentos de Singer, que non é nin un tolo nin un malvado, senón un profesor de ética que aspira a cambiar o mundo e que recentemente foi contratado, non sen polémica, pola prestixiosa universidade de Princeton, é o de que en cuestións de moral non se pode deixar un levar polos sentimentos, pois debe valer tanto un familiar como unha persoa remota e descoñecida.

O que sucede é que Peter acaba de atoparse cun problema: a súa nai, unha velliña que tiña pedido que, en caso de converterse nun vexetal, lle fixesen o favor de deixala morrer, está agora aqueixada do mal de Alzheimer. Entra polo tanto, segundo a doutrina do fillo, na categoría das non persoas, o mesmo que algúns animais, aínda que non todos, como vimos arriba. Sería, xa que logo, inmoral destinar diñeiro a prolongarlle a vida, privando deses medios a persoas auténticas que os necesitarían para seguir vivindo. Pois resulta que Singer cometeu unha inmoralidade: mandouna internar unha clínica. Un auténtico senvergonza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de setembro de 1999.