La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Se un le os periódicos españois dos anos corenta e cincuenta, o número de milagres e feitos prodixiosos que neles se reseñan case a diario resulta turbador: gatos con alas, a música de violín que sae do estómago dunha vaca, un morto que os sábados pola noite ouvea como o lobo desde a tumba, as habelencias dun neno superdotado que aos sete meses canta ópera e resolve ecuacións de segundo grao… As marabillas do misterio dulcificando o amargor insoportable da vida cotiá.

De cando en vez, fálase tamén dalgún que outro fenómeno da natureza, perfectamente explicable desde as leis da razón. Por exemplo, un cabrito con dúas cabezas ou o caso aínda máis raro, pero igualmente comprensible, dun neno que naceu con sete testículos, todos normais e en correcto estado de revista.

Este último, paradigma portentoso dunha concepción macroeconómica da virilidade, apareceu a destempo, nunha época frouxa, cando o seu propietario dificilmente lle podería sacar partido, nin sequera nunha barraca de feira. Hoxe, en cambio, en plena Era Testicular Hispana, non tería prezo para converterse en anuncio de periódico, imaxe nun cartel de cine ou modelo publicitario. Mala sorte. Peor lle foi a Göring, que morreu aforcado por unhas horas, xusto cando chegaban os americanos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de setembro de 1993.