La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte estiven falando con Marilia, a nena da rapaza que nos axuda nas tarefas domésticas, que en novembro vai cumprir tres anos. Hai uns días que empezou a escola e ten moito que contar. Está aprendendo os nomes dos compañeiros e compañeiras, pero de momento só sabe dicir o de Carla. Contoume que a profesora lle deu un azoute, aínda que non conseguín que me dixese por que.  Polo de agora, o que máis lle gusta é tirarse polo tobogán, xogar na area e pintar na libreta, que ten xa completamente chea de debuxos.

Estivemos vendo todos, un por un. Para que eu puidese entendelos, púxose en actitude de profesora, pois sentíame analfabeto total. O que para min non eran máis que liñas sen sentido, igual que lles debe pasar cos letreiros das rúas e dos comercios ás persoas que non saben ler, tiñan para ela un significado clarísimo: aquí un tobogán, alí un tigre. O mundo convertido nun conxunto de raias e pegotes. Co tempo, todos eses xeroglíficos iranse definindo ata ser máis fáciles de entender. Ese día, esta nena perderá a inocencia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de setembro de 2000.