La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falaba aquí da xente que escribe cartas para outros, un costume que en España está desaparecendo, pero que se practicou con regularidade ata hai poucos anos. Na miña casa traballou unha moza que dependía de nós, os rapaces, para poder cartearse co noivo durante as vacacións. Aínda hoxe non entendo como aquela relación acabou en matrimonio, despois dos agravios que creamos entre eles a base de inventar contos, algúns certamente perversos.

A maldade dos nenos é inversamente proporcional á súa inocencia. Coñezo un xastre nunha aldea de Ourense que aínda hoxe se divirte léndolles aos veciños cousas que non veñen nas cartas. Ás veces, comunica herdanzas estrafalarias ou avisa de fenómenos prodixiosos. É verdade que os paisanos desconfían del, pero probablemente recorren aos seus servizos para alegrarse un pouco. Non é fácil vivir sen soños.

Unha escritora galega, de familia humilde, contoume nunha ocasión o que lle sucedeu cando marchou da casa para ir a Madrid a estudar. O día antes de emprender a viaxe, o pai pediulle que lle deixase escrita unha carta na que puxera que todo ía ben: os estudos, a vida na pensión, incluída a bondade e a fartura da comida, e toda canta boa noticia se lle puidese ocorrer.  Sorprendida, a filla preguntoulle para que quería aquel papel. El dixo que era para lelo de vez en cando e saber que estaba contenta e que non tiña problemas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de setembro de 1995.