La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Suecia hai un movemento de ecoloxístas que se dedican a abrazar as árbores. Hai pouco, nas aforas de Estocolmo, na inmensidade verde de Näsby Park, asistín a unha manifestación deste grupo. Confeso que ver a homes e mulleres adultos, moitos deles con aspecto de xente formal, sen extravagancias, facendo caricias ás árbores e dándolle bicos e abrazos, produce unha certa sensación de ridículo. Polo menos ese foi o sentemento que eu experimetei.

Unhas semanas despois, instalado de novo na miña terra, na pequena aldea onde vivo, asistín con impotencia á tala salvaxe e indiscriminada dun pequeño bosque por onde u adoitaba pasear. Mentres catro bárbaros ben provistos de motooserras e outros artiluxios mecánicos se dedicaban a cortar troncos, un pequeño grupo de paisanos contemplaba a operación con indiferencia absoluta, fascinados quizais polas maraillas dunha técnica que permite liquidar un bosque en apenas quince minutos, pero insensibles á voracidade depredadora duns negociantes irresponsables.

De pronto entroume un gran respecto polas persoas que en Estocolmo lle daban abrazos ás árbores. Entre o ridículo e a barbarie, o ridículo resulta moito máis civilizado. Sobre todo se recordo que os protagonistas daquela extravagancia son cidadáns dun país que fai posible que todos os anos, durante o verán, eu teña o privilexio de que ese fermoso animal que es castelán se chama ardilla e que en galego denomínase esquío, entre pola porta da cociña e veña comer tranquilamente á miña man. Se o pobre bicho soubera de que terra veño, non sei se estaría tan confiado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de setembro de 1988.