La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O venres pola tarde, cando regresaba de Asturias, no momento en que me estaba apoximando a Oviedo déronme a noticia da morte de Filgueira Valverde. A véspera, mentres ceabamos ao aire libre en Colombres, no xardín do Arquivo de Indianos, un dos asistentes, escritor e profesor na Universidade Complutense, preguntoume por el, a quen coñecera había uns anos en Madrid. Díxenlle o que sabía, que estaba moi mal. A novidade, polo tanto, non me colleu de sorpresa, pero non por iso deixou de impresionarme.

Vin a Filgueira por última vez o pasado día 27 de agosto pola mañá, no cemiterio de Boisaca, onde nos xuntamos cinco amigos para levarlle unhas flores a Ramón Piñeiro, na data do seu cabodano. Atopeino moi desmellorado. A pesar do fresco que corría, case frío, estivo rezando en silencio un cachiño diante da tumba.

Despois falamos un pouco e fixo unhas consideracións sobre a morte, aludindo á propia, pero sen deixar de sorrir, con máis melancolía que tristeza. Cando nos separamos, quedei pensando na exquisitez daquel señor, amable discrepante de Piñeiro en vida, pero fiel ás normas non escritas da convivencia. Sobrábanlle motivos para non asistir a aquel acto, entre eles os da saúde, pero alí estaba, dando mostras unha vez máis da súa condición de home cortés e civilizado. Un fermosa imaxe para recordar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de setembro de 1996.