La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acabo de chegar a Asturias para participar no Congreso de Escritores de Verines, un rito que veño cumprindo con moito gusto desde hai dez anos, sempre por estes días xa outonizos do mes de setembro. Mentres escribo este artigo teño diante de min, a través das grandes ventás do hotel, unha pequena praia do Cantábrico. A auga está limpa e loce unha viva color verde. Cando remate con esta miña obriga, vou baixar dar un paseo e facer unha visita a unhas covas furadas no monte, aquí ao lado, nas que bate a auga do mar.

Pola noite, despois de cear, nun amplo salón que temos na planta de abaixo, os amantes da conversa roubarémoslle ao corpiño un pouco de sono, quizais tamén algo de saúde, para facer tertulia ata horas pouco cristiás da madrugada. Entre os novelistas invitados hai xente que sabe moitas historias e o tempo pasa rápido.

Mañá empezaremos a discutir o tema para o cal fomos convocados. Polo título, que nesta ocasión reza “A literatura no labirinto”, pódese saír por onde se queira, pois admite calquera enfoque. Do que se trata é de achegar cada un as súas ideas, os seus puntos de vista e as súas opinións, que sempre resultan interesantes, como todas as cousas nacidas da experiencia. Por suposto, en Verines non se vai amañar ningunha cuestión trascendente; falarase moito, iso si, que é unha das cousas agradables que se poden facer na vida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de setembro de 1994.