La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pasei unhas horas en Sevilla cuns amigos. Pola noite, cando regresabamos ao hotel, o taxista que nos levaba, un rapaz novo e simpático, un pouco infeliz e bastante falador, preguntounos se eramos de Madrid. Respondímoslle que non e dixémoslle que viñamos do noroeste. “Ah, de Barcelona”, comentou. Entón, un de nós explicoulle que se dobraba o mapa polo medio, seguro que lle saían as contas. Como tampouco pareceu entender, eu mesmo lle puxen o asunto diáfano: díxenlle que viñamos de Vigo.

Nese momento, sen comentario de ningún tipo, o rapaz cambiou de conversa e contounos que non lle gustaba o fútbol nin os touros e tamén farfullou algo respecto da calor que fixera durante o día. Logo, sinalando un auto que ía diante de nós, con matrícula de Logroño, dixo: “Ahí tienen un coche de su tierra”. De xeito tácito, os tres amigos calamos, convencidos de que sería inútil calquera lección de xeografía. O curioso é que en España a xente se sente  absolutamente escandalizada de que George Bush diga cousas parecidas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de setembro de 2000.