Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Un accidente

12 de septiembre de 2017 a las 0:17

Durante os últimos días comentei aquí un artigo do periodista Jeffrey Bernard, o punto filipino recentemente desaparecido. Hoxe vou falar doutra das súas historias, que lin pouco antes da súa morte e que ten, como todas as que el contaba, doses de humor e de ironía, sen excluír a tenrura daquel gran borracho cínico e melancólico. Desta vez, a protagonista do esperpento foi unha muller inglesa que estaba esquiando en Suíza e que non atendeu a recomendación do monitor para pasar polo lavabo antes de iniciar o descenso.

No momento en que se decatou de que se equivocara, saíu da pista e apartouse detrás dunha árbore. Acomodada para a faena, os esquís empezaron a esvarar e así foi transportada durante un quilómetro en caída libre, cos pantalóns baixados e deixando atrás de si un regueiro amarelo na brancura inmaculada da neve.

Cando subiu ao avión ao día seguinte, á señora aínda non lle pasara a vergonza. Axudoulle a superala o compañeiro de asento, un mozo descalabrado, roto de perna e brazo, polo cal se interesou. O accidentado díxolle que fora un asunto estúpido: estaba esquiando cando veu baixar pola pista unha moza cos pantalóns arredor dos nocelos e un regueiro incontenible detrás dela. Foi tal o ataque de risa que lle deu, que perdeu o control e xurdiu a catástrofe. Jeffrey Bernard remataba a historia facendo votos por un feliz matrimonio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de setembro de 1997.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario