La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando Luis Buñuel estreou en París a película L’Âge d’or, alá polo ano 1930, armouse un escándalo inmenso, tal como el pretendía. Na sala onde se proxectaba o filme houbo de todo: berros, insultos, labazadas, ameazas e mareos. Os máis agresivos foron os membros da Liga dos Patriotas, entre os que figuraba un individuo de case douscentos quilos de peso que se dedicaba exclusivamente a facer unha cochinada ruidosa como desprezo absoluto contra unha película que el consideraba un atentado contra a estética.

Esa debeu ser tamén a razón de que as pinturas que se exhibían no vestíbulo do cine, obra dalgúns amigos de Buñuel, como Picasso ou Miró, fosen pasadas a coitelo. No labor de destrución dos cadros parece que o gordo fisiolóxico desempeñou outra vez un papel principal. Naturalmente, por motivos estéticos.

Entre as numerosas bombas fétidas e obxectos aínda peores que se lanzaron contra a pantalla, alguén tivo a ocorrencia de tirar un frasco con tinta violeta. Ignoro quen sería o autor desa forma diferente de protesta, aínda que apostaría algo importante contra nada a que non foi o gordo citado. Hai cousas que se adiviñan facilmente. Por exemplo, onte, cando escoitei na radio que un alcalde do sur de España acababa de censurar unha película de Buñuel, antes de que dixesen o nome, eu xa sabía quen era.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de setembro de 1996.